José González incide no valor de Stonegal para coñecer as últimas tendencias que ofrece a pedra natural en ámbitos como a arquitectura, a construción ou a decoración
Salienta o traballo de Galicia dentro do Diálogo Social co grupo específico de Mellora do benestar laboral e redución do impacto do absentismo para definir as medidas necesarias neste eido e incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión
Subliña o modelo propio de atracción de talento que pon o principal foco no retorno, con accións como as feiras de emprego celebradas hai uns días no Brasil ou a oficina de retorno e atracción de talento que albergará a nova sede da Xunta en Bos Aires
En relación co Ifevi, lembra que o Goberno galego está comprometido co impulso deste espazo e confía en avanzar neste eido da man do resto de administracións dada a importancia socioeconómica que ten para Vigo e para o conxunto de Galicia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Vigo na inauguración do encontro especializado no sector da pedra natural Stonegal 2026, onde defendeu a aposta galega pola atracción de talento para contribuír á cobertura de vacantes laborais. Outro aspecto fundamental ao que aludiu para mellorar a produtividade do tecido empresarial é o benestar laboral e a redución do impacto do absentismo, ámbito no que o Goberno galego traballa da man dos axentes sociais.
Ademais, o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, salientou o valor de Stonegal para coñecer as últimas tendencias que ofrece a pedra natural en ámbitos como a arquitectura, a construción ou a decoración.
Neste sentido, definiu esta iniciativa como un grande escaparate de innovación, xa que nela participan máis de 150 empresas expositoras de Europa, América e Asia e inclúe un congreso no que participan expertos e referentes do sector para abordar a evolución da pedra natural e as súas perspectivas na arquitectura e na industria contemporánea. A isto súmase unha gala na que se recoñece a traxectoria de figuras vinculadas a este ámbito e na que se pon en valor a materia prima de calidade coa que conta Galicia.
En canto ao benestar laboral e á redución do impacto do absentismo, especificou que Galicia conta cun grupo de traballo específico no marco do Diálogo Social para definir as medidas necesarias neste eido e incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión. Sempre, insistiu, velando polos dereitos das persoas traballadoras e co fin de mellorar as condicións das contornas laborais.

Suma de talento
Dentro deste obxectivo de atender a demanda de man de obra, o titular de Emprego tamén salientou o modelo propio de atracción de talento co que conta Galicia con medidas para titorizar todo o proceso de integración sociolaboral. Esta folla de ruta ten como primeiro eixo o retorno dos galegos do exterior e nun segundo eixo ás persoas traballadoras procedentes de terceiros países. No caso da aposta polo retorno dos emigrantes galegos, referiuse ás medidas da Estratexia Galicia Retorna.
Neste eido, destacou as feiras de emprego celebradas hai uns días en São Paulo e Salvador de Bahía para conectar o talento da diáspora coas necesidades reais do tecido produtivo galego e que están vinculadas co programa Retorna Cualifica Emprego, do que está vixente a terceira edición. A esta aposta engadirase a futura nova sede da Xunta en Bos Aires, que contará, entre outras novidades, cunha oficina de retorno e atracción de talento.
Potenciación do Ifevi
En relación ao Ifevi, recinto que alberga a feira Stonegal, lembrou que o Goberno galego está comprometido co impulso deste espazo e confiou en avanzar neste eido da man do resto de administracións dada a importancia socioeconómica que ten para Vigo e para o conxunto de Galicia. De feito, engadiu que se segue traballando nos plans funcional e estratéxico para fortalecer este recinto.