O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presidiu o acto celebrado hoxe no edificio administrativo da Xunta en San Caetano

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presidiu hoxe a toma de posesión de Susana Pérez Iglesias como nova secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais. Deste xeito ocupará o cargo que deixou na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración Pablo Fernández López, que a comezos de mes foi nomeado delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

Nada en Vigo en 1984, Susana Pérez Iglesias é licenciada en Administración e Dirección de Empresas (ADE) pola Universidade de Vigo, institución académica na que tamén realizou un mestrado en Finanzas. A maiores, conta con formación internacional en Finanzas pola Universidade de Bratislava e Executive MBA pola Galicia Business School.

A súa traxectoria profesional inclúe máis de 20 anos de experiencia en distintos eidos do ámbito empresarial como a dirección financeira, a consultaría estratéxica ou a xestión de proxectos, cunha dedicación especial a cuestións relacionadas co financiamento público e o desenvolvemento empresarial.

Entre os postos de responsabilidade que ocupou no ámbito profesional están o de directora de INFI Consultores —cargo que ostentaba na actualidade—, o de directora de Etiqueta Ibérica (2013-2026) e o de presidenta de Empresarias Galicia (2016-2026), entidade da que tamén é a fundadora.

A estas responsabilidades engádense outras previas de formación e acompañamento a empresas no desenvolvemento dos seus negocios, de promoción do emprendemento feminino e de representación institucional así como de asesoramento financeiro para a captación de apoios públicos ou privados cos que desenvolver as estratexias de expansión e crecemento de pequenas e medianas empresas.

O seu labor profesional supúxolle o outorgamento de distintos recoñecementos como o Premio Executivos Galicia 2018 á Xestión Empresarial e Institucional ou a súa inclusión en distintas clasificacións entre as galegas máis influentes ou entre as mulleres líderes no ecosistema empresarial nacional.

 

Loading...