A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter certificados de profesionalidade en: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e montaxe de mobles e elementos de carpintaría

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na inauguración na inauguración do Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal, promovido polos concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas, onde destacou o compromiso do Goberno galego coa formación e a inserción laboral das persoas desempregadas a través deste tipo de programas de formación dual, que neste caso suporá un investimento de 501.000 euros dos cales 47.000 destínanse a 10 incentivos para formar a 20 persoas desempregadas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e montaxe de mobles e elementos de carpintaría.

O Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal permitirá desenvolver actuacións de gran utilidade para os tres concellos participantes. Entre os traballos previstos figuran actuacións de carpintaría, como a montaxe de mobles e elementos de carpintería e pintura no Concello de Vimianzo, así como o mantemento e conservación de elementos de madeira en equipamentos municipais e mobiliario de oficina.

Tamén se levarán a cabo actuacións de limpeza técnica de viais e edificios municipais e o pintado de mobiliario urbano, incluídas as marquesiñas, contribuíndo á mellora da imaxe e funcionalidade dos espazos públicos.

Entre os proxectos máis destacados atópase a reparación dos accesos ás praias de Muxía que contan con pasarelas de madeira, unha intervención que favorecerá a seguridade das persoas usuarias e a conservación dun entorno natural de especial valor.

No ámbito forestal e ambiental, o alumnado realizará accións das brigadas forestais no Concello de Vimianzo, labores de desbroce e limpeza de biomasa en parcelas municipais e rutas de sendeirismo, así como traballos de limpeza forestal en itinerarios de elevado interese patrimonial e turístico, como a Vía Mariana e o Camiño dos Faros.

A delegada subliñou que estas actuacións supoñen unha importante achega para os concellos participantes, ao tempo que permiten ás persoas alumnas adquirir competencias profesionais en sectores con alta demanda laboral e amplas posibilidades de futuro.

Durante a súa intervención, a representante autonómica puxo en valor o esforzo que está a realizar a Xunta neste ámbito, lembrando que este ano se aprobarán en Galicia un cento de obradoiros de emprego cun investimento global de 48,1 millóns de euros, que permitirán formar preto de 2.000 persoas sen emprego.

No caso da provincia da Coruña, están aprobados un total de 20 obradoiros de emprego cun investimento próximo aos 10 millóns de euros, beneficiando arredor de 400 alumnos e alumnas. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte desenvolvense tres programas deste tipo: o CAMUVI Forestal, compartido por Vimianzo, Muxía e Camariñas; o promovido por Carballo e Coristanco; e o da Laracha, cun investimento conxunto de case 1,5 millóns de euros para formar a 60 persoas desempregadas.

A delegada territorial sinalou que estes programas constitúen “unha rede moi potente de formación presente en toda Galicia, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e ofrecer oportunidades reais a quen máis o precisa”.

Formación, emprego e oportunidades de futuro

Durante o acto, a representante da Xunta destacou especialmente o valor engadido da formación dual que ofrecen os obradoiros de emprego, xa que o alumnado combina formación teórica e práctica cun contrato para a formación e a aprendizaxe, percibindo unha remuneración económica e obtendo un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional.

“Estades a construír o voso futuro mentres traballades e aprendedes”, sinalou, incidindo ademais na importancia dos grupos reducidos, que permiten unha formación máis personalizada e eficaz, así como na incorporación, nalgúns casos, de contidos orientados ao emprendemento.

A delegada lembrou que estes programas ofrecen múltiples beneficios para o alumnado, entre os que destacan a formación especializada, a experiencia laboral, a certificación profesional e as oportunidades reais de inserción no mercado de traballo. Ao mesmo tempo, permiten aos concellos adaptar os contidos ás necesidades reais do territorio e executar actuacións de mellora dos espazos públicos e naturais.

Neste sentido, destacou a colaboración entre administracións como un dos piares fundamentais destes programas, coa Xunta de Galicia achegando o financiamento e os concellos encargándose da organización e execución dos proxectos.

Para rematar, animou ás persoas participantes a aproveitar ao máximo esta oportunidade formativa e profesional, lembrando que os obradoiros de emprego son “un dos mellores instrumentos para a inserción laboral” e asegurando que a Xunta seguirá impulsando iniciativas que favorezan a formación, a empregabilidade e a creación de oportunidades no conxunto do territorio galego.

Loading...