A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá en Ares ao acto inaugural desta acción formativa na que participan unha vintena de persoas en situación de desemprego

O obradoiro impartirase nas especialidades de carpintería e moble, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e aplicación de vernices e lacas

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, inaugurou esta mañá no edificio da Alianza Aresana, o obradoiro Reinicia XII que promoven de maneira conxunta os tres concellos cun orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 454.000 euros, preto de 43.000 euros máis que na pasada edición.

Un total de 20 persoas en situación de desemprego participan neste itinerario formativo a través do que o Goberno galego garante a formación dos participantes nas modalidades de carpintería e moble, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble.

O alumnado completará a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver nos municipios participantes, como a reposición de materiais deteriorados no paseo marítimo de Neda, entre outras.

A delegada territorial destacou a valía deste tipo de formación “polo seu carácter social e pola súa contribución a mellorar as oportunidades de empregabilidade dos participantes”. Ademais puxo os obradoiros duais como exemplo da colaboración entre a Xunta e os Concellos en materia de emprego.

Os obradoiros duais de emprego como o Reinicia XII poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes.

Loading...