A representante do Goberno autonómico informou que este taller formativo permitirá obter certificados de profesionalidade en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, traballos de carpintaría e moble e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou hoxe na inauguración do obradoiro de emprego dual Oleiros Forestal Bosque dos Veciños, unha iniciativa que permitirá formar a 20 persoas desempregadas durante un período de nove meses en distintas especialidades vinculadas á mellora ambiental, forestal e á carpintaría: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría, traballos de carpintaría e moble e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble.

O taller de formación conta cun investimento total de case 547.000 euros por parte do Goberno galego, dos cales arredor de 92.000 euros se destinan a 20 incentivos asociados á contratación, tanto para as empresas como para o propio Concello de Oleiros por cada persoa participante contratada. Neste sentido, a representante autonómica destacou que este tipo de iniciativas “non son só programas formativos, senón unha auténtica oportunidade para abrir portas ao futuro laboral e mellorar as competencias profesionais das persoas participantes”.

Un programa de formación con impacto en toda Galicia

Durante a súa intervención, a delegada puxo en valor o alcance global da rede de obradoiros de emprego en Galicia, subliñando que este ano se aprobarán arredor dun cento de obradoiros, cun investimento global de 48,1 millóns de euros, destinados á formación de preto de 2.000 persoas en situación de desemprego.

Na provincia da Coruña, xa están aprobados 20 obradoiros, que contan cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e chegan a arredor de 400 alumnas e alumnos. A delegada destacou que “o obxectivo principal é mellorar a empregabilidade e ofrecer oportunidades reais ás persoas que máis o precisan”.

Ao longo dos próximos meses, o alumnado participante desenvolverá actuacións de mellora ambiental, paisaxística, de seguridade e funcional no espazo do Bosque dos Veciños, un enclave emblemático do municipio de Oleiros que simboliza o compromiso da veciñanza coa conservación do patrimonio natural e coa creación de espazos sostibles e abertos á cidadanía.

Belén do Campo subliñou que “este lugar, de gran valor paisaxístico, consolidouse como punto de encontro, lecer e educación ambiental, polo que as intervencións previstas supoñen unha oportunidade para que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos e contribúa directamente á mellora do entorno”.

Unha aposta pola formación dual e a inserción laboral

A delegada da Xunta salientou especialmente o valor engadido da formación dual, xa que o alumnado non só recibe formación teórica e práctica de calidade, senón que conta cun contrato para a formación e aprendizaxe, percibe unha remuneración económica e obtén un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Ademais, estes programas caracterízanse por grupos reducidos, o que permite unha atención máis personalizada e unha formación máis eficaz. Nalgúns casos, tamén incorporan contidos orientados ao emprendemento, ofrecendo a posibilidade de desenvolver proxectos profesionais propios.

A representante autonómica destacou que os obradoiros son un exemplo de colaboración entre administracións, na que a Xunta achega o financiamento e os concellos asumen a organización, selección do alumnado e execución dos proxectos, adaptándoos ás necesidades reais da contorna e do tecido produtivo local.

“O obxectivo é claro: mellorar a empregabilidade, fortalecer o tecido produtivo e garantir a cohesión social e territorial”, sinalou.

Finalmente, a delegada dirixiuse ao alumnado para subliñar que esta etapa pode marcar un punto de inflexión na súa vida profesional, lembrando que a implicación, o esforzo e a constancia serán claves para aproveitar unha oportunidade que, segundo afirmou, “xa ten demostrado ser un dos mellores instrumentos para a inserción laboral”.

A representante do Goberno autonómico concluíu desexando que esta experiencia contribúa non só á formación profesional do alumnado, senón tamén ao seu crecemento persoal, e agradeceu o compromiso de todas as persoas implicadas neste proxecto que, segundo indicou, terá un impacto positivo tanto na formación e na empregabilidade como na mellora do patrimonio natural de Oleiros.

Loading...