A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe en Oímbra no peche da xornada de presentación do proxecto Constrúe talento, impulsado pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense (ACO), o Grupo Puma e a Fundación Laboral da Construción co gallo de captar man de obra para o sector. Alí, puxo de relevo iniciativas impulsadas pola Xunta como RenÓbrate —precisamente en colaboración coa Fundación Laboral da Construción—, que combinará formación teórico-práctica en empresas deste eido económico con actuacións de mellora de espazos e dotacións públicas de interese comunitario, favorecendo ao mesmo tempo a posterior inserción laboral das persoas participantes nas propias empresas.
Segundo destacou Lado, o Goberno galego avanza deste xeito nun modelo pioneiro de formación máis flexible, especializado e conectado coa realidade de cada territorio, apostando por programas deseñados directamente cos sectores estratéxicos e coas empresas. Sinalou que este convenio contará cun investimento autonómico de preto de 1,9 M€ en 2026 e 2027 e desenvolverase ao longo de nove meses nos concellos do Carballiño, Sanxenxo, Arteixo e Santiago de Compostela —neste caso, a través do Consorcio de Santiago— coa participación dun total de 80 persoas desempregadas, 20 en cada contorna.