A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Ribadeo na inauguración da xornada técnica Transformación dixital e intelixencia artificial: unha mirada desde a saúde laboral

Esta actividade, organizada polo Laboratorio de Riscos Psicosociais do Issga e a Universidade de Santiago de Compostela, serve como espazo de reflexión e coordinación entre distintos actores clave co foco na prevención

O Laboratorio de Riscos Psicosociais enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e creouse para fomentar a transferencia de coñecemento científico neste ámbito e co fin de avanzar na saúde laboral

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Ribadeo na inauguración da xornada técnica Transformación dixital e intelixencia artificial: unha mirada desde a saúde laboral, unha actividade do Laboratorio de Riscos Psicosociais do Issga e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) que reúne a 65 persoas procedentes de distintos ámbitos profesionais e institucionais. Alí a xerente do Issga fixo fincapé na importancia de anticiparse no ámbito da prevención aos novos riscos psicosociais para garantir contornas laborais saudables e sostibles e salientou a importancia do labor do Laboratorio de Riscos Psicosociais neste eido.

Neste sentido, sinalou que é unha cuestión clave tendo en conta os cambios das contornas laborais coa crecente incorporación das tecnoloxías dixitais e da intelixencia artificial aos procesos produtivos. Uns cambios, expuxo, que xeran novas oportunidades e tamén desafíos relacionados coa xestión das persoas, a adaptación organizativa, a retención do talento e a protección da saúde laboral. De aí, engadiu, a importancia de xornadas técnicas coma esta a prol de contornas de traballo máis saudables e adaptadas aos novos retos tecnolóxicos.

De feito, esta actividade está dirixida principalmente a persoal directivo, responsables de recursos humanos, profesionais da prevención de riscos laborais, así como a outras persoas interesadas nesta temática. Nesta liña, ademais do papel formativo, esta actividade serve como espazo de reflexión e coordinación entre distintos actores clave, co foco na necesidade de integrar a saúde psicosocial nas políticas laborais e preventivas de forma transversal.

O Laboratorio de Riscos Psicosociais

O Laboratorio de Riscos Psicosociais que impulsa esta xornada enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e é unha iniciativa conxunta do Goberno galego e da USC creada para fomentar a transferencia de coñecemento científico neste ámbito e co fin de avanzar na saúde psicosocial das persoas traballadoras nas empresas galegas, abordando a saúde de xeito integral. Isto faino a través das súas actividades de investigación, formación, sensibilización e colaboración técnica como esta xornada.

Loading...