A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta mañá na presentación da feira Maker Faire Galicia 2026, que acollerá unha xornada dedicada ao emprendemento e á innovación social este sábado 6 de xuño na capital galega.
Durante a súa intervención, Mariño destacou que eventos coma este no só permiten ao público coñecer iniciativas inspiradoras e contribuír ao impulso da cultura emprendedora en Galicia, senón que tamén favorecen as sinerxías e a colaboración entre os distintos axentes do ecosistema. Neste contexto, lembrou o papel da Rede Ultreia, iniciativa autonómica para reforzar a cooperación público-privada arredor do emprendemento, que suma xa preto de 140 adhesións co obxectivo de compartir recursos, mellorar a coordinación e optimizar a atención ás persoas emprendedoras. Tamén reafirmou o compromiso do Executivo galego co impulso ao talento emprendedor e lembrou que quen desexe poñer en marcha ou consolidar unha iniciativa empresarial conta co apoio da Rede de polos, integrada por 15 oficinas en toda Galicia e que xa leva atendidos máis de 6.300 proxectos.