José González destaca a colaboración público-privada a necesidade de conectar talento, innovación e iniciativa emprendedora para impulsar novas oportunidades económicas e reforzar a competitividade de Galicia

Pon en valor a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio como folla de ruta para promover proxectos adaptados ás potencialidades e necesidades reais de cada contorna

Fai fincapé no labor da Rede de polos na detección de oportunidades locais, no acompañamento ás persoas emprendedoras e na xeración de actividade en todo o territorio, con tres oficinas na Coruña que xa atenderon preto de 2.000 proxectos

Destaca iniciativas a este abeiro como Xerme ou Fixar para fortalecer o ecosistema ligado ao comercio electrónico, atraer nómades dixitais e favorecer novas vías de desenvolvemento no rural

Lembra ademais que a Rede Ultreia conta xa con preto de 140 adhesións co obxectivo de compartir recursos, favorecer sinerxías e mellorar a coordinación na atención ao emprendemento

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta mañá na 3ª edición do foro empresarial Vertical Summit, onde puxo en valor a importancia de fortalecer a conexión do ecosistema emprendedor galego, impulsar a colaboración público-privada e favorecer sinerxías que contribúan á creación de novas oportunidades económicas con impacto en todo o territorio, na liña da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio na que está a traballar a Xunta.

Na súa intervención, José González salientou a capacidade do foro para reunir empresas consolidadas, persoas emprendedoras e novos proxectos nun espazo común no que compartir coñecemento, experiencias e oportunidades. Neste senso, sinalou que, nun contexto económico en constante transformación, resulta fundamental xerar conexións entre sectores, talento e territorio para seguir fortalecendo a competitividade do tecido produtivo galego.

O conselleiro destacou que esta é precisamente unha das prioridades da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, a folla de ruta que o Goberno galego está a ultimar para impulsar un modelo de emprendemento conectado coas potencialidades e necesidades reais de cada contorna.

Nesta liña, fixo fincapé no papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —que conta con tres oficinas na provincia da Coruña, situadas en Ferrol, Coristanco e Silleda, e que levan atendido en conxunto preto de 2.000 proxectos— como ferramenta clave para detectar oportunidades locais, orientar proxectos e acompañar as persoas emprendedoras. Ademais, destacou iniciativas impulsadas ao abeiro desta rede como Xerme, en colaboración co Clúster do eCommerce, para reforzar o ecosistema emprendedor galego no ámbito do comercio electrónico, ou o proxecto Fixar, centrado na atracción de nómades dixitais e no impulso do emprendemento no rural a través do modelo de coliving.

José González lembrou tamén que a Rede Ultreia, a rede galega de colaboración público-privada arredor do emprendemento, conta xa con preto de 140 adhesións e busca compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades na atención ao emprendemento, reforzando a coordinación entre administracións, empresas e entidades do ecosistema emprendedor galego.

Ademais, destacou o compromiso da Xunta co apoio integral ao emprendemento e ao colectivo autónomo, cun investimento conxunto superior aos 60 M€ destinado a cubrir todo o ciclo do emprendemento, incluídas as axudas unificadas para persoas autónomas e os programas impulsados a través da Rede de polos.

Por último, José González reiterou o papel facilitador do Goberno galego para continuar fortalecendo o ecosistema empresarial e emprendedor de Galicia, favorecendo que emprender sexa cada vez máis viable en todo o territorio.

Loading...