Formará a 20 persoas desempregadas en actividades vinculadas coa construción e acometerá actuacións de mellora de infraestruturas públicas nos tres municipios

A Xunta de Galicia destina 492.500 euros á sétima edición do obradoiro dual de emprego Vía Künig, que se presentou hoxe e botará a andar o vindeiro luns nos municipios das Nogais, Baralla e Becerreá. Formará a 20 persoas desempregadas na especialidade de Revestimentos con pastas e morteiros en construción, e inclúe incentivos para favorecer contratacións en empresas locais unha vez completados os nove meses de formación.

Estas iniciativas proporcionan aos participantes emprego e unha aprendizaxe fundamentalmente práctica centrada na execución de obras e servizos de interese social; neste caso acometerán actuacións de arranxo ou adecuación de infraestruturas públicas. Así, no municipio das Nogais realizarán melloras en Nullán -na praza e no muro de peche do entorno da igrexa-, na drenaxe lateral da igrexa de Santa María Magdalena e no muro da Igrexa de Torés.

En Baralla acondicionarán a área recreativa e reporán muros de peche nos camiños de Vilanova e Escobio. Pola súa banda, en Becerreá habilitarán un local para arquivo na nova Casa Consistorial e reformarán a planta baixa de edificio municipal de usos múltiples, entre outras intervencións.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de publicar unha segunda convocatoria de obradoiros duais para o bienio 2026-2027 dotada con 8,2 millóns de euros, o que permitirá ampliar o número de concellos e persoas beneficiadas. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 26 de xuño.

Loading...