A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe na Coruña o alumnado participante nunha das accións formativas para persoas desempregadas (AFD) apoiadas pola Xunta, en concreto relacionada coa vixilancia de seguridade. No marco das actividades programadas con motivo da Semana da Administración Aberta 2026, a directora xeral acompañounos no traballo na aula, e posteriormente, nas sesións prácticas sobre cuestións como a defensa persoal, os primeiros auxilios ou os arcos detectores de metais.

Lado aproveitou a visita para facer fincapé no redeseño integral e na recente ampliación do crédito da segunda convocatoria de AFD para as anualidades 2026-2027, que pasou dos 40 aos 60 M€ debido á elevada demanda rexistrada. Co prazo de solicitude aberto deica o 30 de setembro, puxo de relevo que entre as accións aprobadas ata o de agora destacan as da atención sociosanitaria, administración e xestión, docencia, loxística, metal, comercio e hostalaría, en liña cos sectores que rexistran máis necesidade de persoal cualificado.

Loading...