O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, anuncia que se incorporará persoal inspector médico e subinspector sanitario ás sete áreas

Sinala que esta ampliación de efectivos suporá un investimento de máis de 3 M€ durante os vindeiros tres anos

A Xunta tamén modifica a instrución que establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal para “conseguir que o proceso sexa cada vez máis resolutivo”

As propostas de alta das mutuas que cumpran os requisitos de motivación e fundamentación obxectiva da aptitude laboral do traballador serán confirmadas pola Inspección

Salienta que “a última palabra sempre a vai seguir tendo a sanidade pública” a través da inspección, que se entende que a alta non está debidamente acreditada chamará ao paciente para unha nova consulta

Deséñase unha autorización única da Inspección para as probas ou os tratamentos que realicen as mutuas co obxectivo de evitar demoras innecesarias na recuperación do paciente

En 2025 a Inspección de Servizos Sanitarios xestionou máis de 38.400 propostas de alta formuladas polas mutuas e máis de 10.700 autorizacións de probas diagnósticas

O Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta, iniciado en agosto de 2024, incluíu a revisión de máis de 132.000 procesos de baixa e a citación de máis de 38.600 pacientes para valoración presencial que deron como resultado máis de 31.800 altas

 

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai reforzar de forma inmediata os equipos da Inspección de Servizos Sanitarios coa incorporación de 18 novos profesionais para “dar resposta ás medidas de mellora da xestión das baixas laborais que a Xunta de Galicia quere levar a cabo”.

O Consello da Xunta, na súa reunión de hoxe, acordou modificar as instrucións da Consellería de Sanidade polas que se establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento das baixas laborais, que leva aparellado un incremento de persoal. O obxectivo desta modificación é, segundo salientou o presidente autonómico, “conseguir que o proceso sexa cada vez máis resolutivo”, axilizando o procedemento, dotándoo de maior carácter resolutivo e executivo, ao tempo que se reforza o papel das Unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral.

Deste xeito, a Consellería de Sanidade contratará nove profesionais inspectores médicos e nove subinspectores sanitarios para reforzar os equipos de inspección das sete áreas sanitarias.

A previsión inicial é que a incorporación se estenda durante tres anos, o que suporá un investimento extra de 3.026.709,24 euros para levar a cabo as medidas que buscan unha maior eficiencia na xestión dos procesos de baixa.

En canto aos cambios na instrución que xestiona estes procesos, as propostas de alta médica que as mutuas deben dirixir ás unidades de Inspección deberán acordarse sempre que as propostas estean debidamente motivadas e completas. Segundo salientou o presidente, “a última palabra sempre a vai seguir tendo a sanidade pública” a través da inspección. Así, se a proposta fose insuficiente, o persoal inspector deberá convocar a persoa interesada a un recoñecemento médico presencial antes de ditar unha resolución motivada sobre se procede ou non a alta.

Neste sentido, as unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral tramitaron 38.438 propostas de alta formuladas polas mutuas en 2025.

A citada instrución modifica a solicitude de autorización de probas diagnósticas e procedementos terapéuticos realizados polas mutuas e que deben contar co visto e prace da Inspección de Servizos Sanitarios.

A partir de agora, establécese un sistema de autorización única para que as mutuas non teñan que tramitar unha solicitude individual por cada actuación. Unha soa autorización habilitará todas as probas e procedementos terapéuticos necesarios, co que se gañará en axilidade para a recuperación do traballador.

O ano pasado, as unidades de Inspección e Control da Saúde Laboral tramitaron 10.727 solicitudes de probas diagnósticas.

Nesta mesma liña, a Xunta xa reduciu a burocracia e as molestias para as persoas de baixa coa integración na historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde das probas que realizaron as entidades colaboradoras da Seguridade Social, o que permite, segundo o presidente autonómico, “evitar duplicidades e ter que realizar unha proba que xa está realizada”. En particular, en 2025 foron 1.300 probas que non foi necesario realizar por duplicado.

Apoio especial a facultativos

Ao longo do mes de marzo, as unidades de Inspección de cada área sanitaria entrevistáronse con 110 facultativos para trasladar novidades lexislativas na materia, conceptos normativos específicos do absentismo e apoiar médicos de nova incorporación co uso da aplicación informática específica da xestión das baixas.

Ademais, informouse sobre as novidades na xestión das incapacidades temporais postas en marcha pola Xunta como a axilización do circuíto de solicitude de autorización de probas polas mutuas, e a súas posterior incorporación a IANUS.

Este traballo especial de apoio concluíu coa revisión de 3.521 procesos de baixa, que implicaron 730 altas, o que representa un 20,73 % dos casos analizados.

Por provincias, revisáronse 178 procesos de incapacidade temporal na provincia da Coruña, que derivaron en 66 altas; 653 na provincia de Lugo, dos cales 127 implicaron a alta; 926 na de Ourense, con 251 altas; e 1.764 na provincia de Pontevedra, con 286 altas.

Este traballo de apoio especial desde as unidades de Inspección Sanitaria continúa actualmente.

Balance das primeiras medidas

A posta en marcha do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta supuxo a emisión de 5.929 partes de baixa desde os hospitais do Servizo Galego de Saúde ata o 30 de abril, nos casos de cirurxía programada.

Desta forma, evítase que un traballador teña que ir ao día seguinte polo parte de baixa ao seu centro de saúde, reducindo os trámites burocráticos para pacientes e para os profesionais da atención primaria.

Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee o ano pasado emitiu 1.280 partes; a de Santiago de Compostela e Barbanza, 1.053; a de Ferrol, 478; a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 762; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 739; na de Vigo, 1.192; e na de Pontevedra e O Salnés, 425.

En canto ao reforzo das actuacións realizadas pola Inspección de Servizos Sanitarios, ata finais do mes de abril, foron revisados 132.412 procesos de baixa, foron citados 38.615 pacientes para valoración presencial e isto implicou a alta de 31.889 casos.

Así, o Plan de mellora da xestión e do control da incapacidade temporal da Xunta, posto en marcha en 2024, xa está a dar resultados positivos sobre os que cómpre avanzar.

Loading...