A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a Estación de Servizo San Mateo, un dos centros beneficiarios da pasada convocatoria

Durante a visita lembrou a aposta firme do Goberno galego pola inclusión das persoas con discapacidade e remarcou a importancia destas empresas “que realizan un labor esencial”

A Xunta apoiou o pasado ano con preto de 1 M€ a contratación de persoas con discapacidade en Ferrolterra a través das axudas a 13 centros especiais de emprego (CEE) da zona. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, a Estación de Servizo San Mateo, un dos centros beneficiarios, que percibiu unha achega autonómica de máis de 30.000 euros para o mantemento do custo salarial de 5 postos de traballo.

A liña para o mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos Centros Especiais de Emprego, dotada este ano de máis de 24 M€ —no marco da orde para estas entidades dotada con máis de 27 M€—, cos que se cobren importes equivalentes a entre o 50% e o 65% do Salario Mínimo Interprofesional, podendo recibir ata un máximo de 2,9 M€ por centro de traballo. Aneiros aproveitou a ocasión para recordar que o prazo de solicitude está aberto ata o 29 de maio.

Durante a visita ao centro, propiedade da Fundación Misael Prieto, a delegada puxo en valor este tipo de convocatorias que reflicten “a aposta da Xunta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade” e destacou a importancia para iso de apoiar a estas entidades “que realizan un labor esencial para que as persoas con maior nivel de dificultade de acceso ao mercado de traballo poidan desenvolverse tanto desde unha esfera profesional como social e persoal”.

Loading...