O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participou no acto organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia para presentar o informe sobre absentismo elaborado por expertos das universidades de Santiago de Compostela e Vigo

Segundo o documento, Galicia é a 2ª CCAA con maior incidencia do absentismo laboral, cun impacto económico que acadou en 2024 os 985 M€ na Seguridade Social, os 964 M€ nas empresas e os 2.268 M€ sobre o Produto Interior Bruto galego

Pablo Fernández lembrou que nas vindeiras semanas se levarán ao Diálogo Social os primeiros avances do plan autonómico contra o absentismo e o deseño da próxima Estratexia de Benestar Laboral na que está a traballar a Xunta

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá no acto organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para presentar o informe sobre o absentismo laboral elaborado por expertos das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Alí, definiu o Diálogo Social como a “mellor ferramenta” para abordar o absentismo en colaboración con sindicatos e patronal.

Fernández reiterou que o obxectivo da Xunta é presentar entre este mes e o que vén, no marco do Diálogo Social, os primeiros avances do plan integral contra o absentismo laboral en Galicia, sempre co máximo respecto aos dereitos lexítimos das persoas traballadoras e buscando a colaboración de sindicatos e patronal. Tamén avanzou que nese mesmo seo se abordará o deseño da próxima Estratexia de Benestar Laboral na que está a traballar a Xunta e que incidirá, entre outros aspectos, no benestar laboral e a prevención do absentismo.

O secretario xeral acompañou na presentación o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, e o catedrático da USC Santiago Lago, quen destacou —tal e como recolle o informe— que máis do 60 % das empresas consultadas recoñece que o absentismo laboral afecta de maneira alta ou moi alta o seu rendemento operativo. Este feito repercute de maneira directa no mercado laboral, situando Galicia como a segunda comunidade autónoma tanto en porcentaxe de xornadas perdidas, como en duración media das incapacidades e na prevalencia de procesos de longa duración. Nesa liña, en termos económicos, o absentismo supuxo en 2024 un custo directo de case 985 M€ para a Seguridade Social e de 964 M€ para as empresas, cun aforro potencial neste eido de 170 M€ no caso de que Galicia igualase os niveis medios de absentismo do conxunto estatal. No caso do Produto Interior Bruto galego, o impacto acadou os 2.268 M€, aproximadamente o 3 % do PIB.

Segundo indicou Fernández, estes datos evidencian unha realidade que se debe abordar con rigor e responsabilidade. Neste sentido, precisou que o obxectivo da Xunta é adoptar medidas que permitan reducir o impacto negativo do absentismo reducindo as baixas evitables, reforzando a prevención de riscos laborais e o benestar no traballo, optimizando os procesos de xestión e control para evitar prolongacións innecesarias ou, tamén, loitando contra abusos.

Nese senso, o representante autonómico puxo en valor o papel do Diálogo Social como ferramenta fundamental para analizar esta realidade, escoitando a empresarios e sindicatos e promovendo medidas eficaces desde o máximo respecto aos dereitos laborais.

Loading...