O delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria destas axudas ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito (1,5M€), para facilitar o relevo xeracional de autónomos
O representante do Goberno explicou que esta iniciativa está dirixida a persoas traballadoras autónomas, profesionais dados de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia, así como ás persoas mutualistas e ás sociedades de calquera clase
O Bono Remuda está incluído nunha orde única da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para persoas traballadoras autónomas, dotada con preto de 41 M€
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a Xinzo de Limia para , acompañado do seu alcalde, Amador Díaz, visitar o establecemento Panadería Xinzo S.L., unha das oito empresas ourensás beneficiarias a través do Bono Remuda da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ao que destinou na convocatoria do 2025 un importe total de máis de 130.000 euros na provincia para facilitar o relevo xeracional de autónomos.
Durante a súa visita a este establecemento, que recibiu unha axuda de 12.600 euros no marco deste programa, o delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria destas axudas ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito (1,5M€), coa finalidade de evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo que facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller o testemuño dun negocio xa viable economicamente.
Destinatarios e liñas de axudas
Manuel Pardo explicou que esta orde está dirixida a persoas traballadoras autónomas, profesionais dadas de alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia, así como ás persoas mutualistas e ás sociedades de calquera clase.
Tamén concretou que esta iniciativa do Goberno galego conta con dúas liñas de actuación: a Liña 1, o Bono Remuda Rural, para concellos de menos de 10.000 habitantes; e a Liña 2, o Bono Remuda Xeral, para concellos de 10.000 habitantes ou máis. Nos dous casos subvenciónase o prezo, sen IVE, estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade que estivese previamente inscrito na bolsa de remuda da Rede de Polos de Emprendemento. Para a Liña 1, esta achega é do 75% do prezo do contrato, mentres que para a 2 é do 70%.
Orde unificada para persoas autónomas
O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral. A convocatoria contén tamén o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e incentivos á conciliación familiar (750.000 €).