O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, salientou ferramentas clave como o apoio da Rede de polos e as axudas incluídas na orde unificada para persoas autónomas, dotadas con preto de 41 M€
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou hoxe o compromiso da Xunta co impulso ao emprendemento durante a clausura da entrega dos II Premios á Innovación Pont-Up Store. Na súa intervención, felicitou as iniciativas recoñecidas e subliñou que este programa constitúe unha plataforma esencial para visibilizar e promover o talento emprendedor e a innovación en Galicia.
Fernández salientou que o Goberno galego está a avanzar no deseño dunha estratexia de emprendemento ligada ao territorio, elaborada en colaboración coas principais entidades do ecosistema emprendedor galego. Neste marco, puxo o foco no fortalecemento da rede de colaboración público-privada, que xa suma máis dun cento de adhesións, co obxectivo de compartir recursos e xerar sinerxías que impulsen novos proxectos.
Tamén destacou o labor da Rede de Polos de Emprendemento, composta por 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, que leva atendidos máis de 6.100 proxectos. Esta rede ofrece asesoramento gratuíto tanto a persoas que queren iniciar unha actividade empresarial como a aquelas que buscan consolidar o seu negocio.
Finalmente, referiuse ao paquete de axudas para persoas autónomas, dotado con 40,7 M€ e deseñado para acompañar todo o ciclo emprendedor. Entre as medidas incluídas figura a cota cero durante un ano —ampliable a dous no caso de actividades vinculadas á agricultura, gandaría ou silvicultura—. Concluíu afirmando que Galicia aspira a consolidarse como un referente en emprendemento e que iniciativas como as premiadas hoxe evidencian o potencial innovador da comunidade.