O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo hoxe un encontro coas persoas participantes nas dúas lanzadeiras de emprego que funcionan na provincia da Coruña no marco do programa Hubs de activación da empregabilidade, promovido pola fundación Santa María la Real co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) da Xunta de Galicia. Desde xaneiro e ata xuño estas persoas desenvolven actividades para reactivar a busca de emprego, mellorar a súa empregabilidade con novas técnicas e tendencias de mercado e fomentar a súa inserción laboral.
Alí Pablo Fernández destacou o valor de iniciativas coma esta no apoio á procura de emprego ou de novas oportunidades laborais. Nesta liña, subliñou a formación específica e asesoramento especializado que reciben os participantes, así como a cualificación en competencias transversais demandadas polo mercado, entre elas habilidades dixitais e competencias verdes. En concreto, o programa Hubs de activación da empregabilidade do que forman parte estas lanzadeiras é gratuíto e semipresencial e está dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos, de diferentes niveis formativos e pertencentes aos colectivos prioritarios para a Xunta de Galicia, como os parados de longa duración, persoas mozas, mulleres, persoas con discapacidade galegos retornados, inmigrantes, entre outros.
