O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, coñeceu hoxe os programas de formación dual para persoas con discapacidade intelectual impulsados pola asociación Amicos co apoio da Xunta. Primeiro, no Centro de Atención Integral da entidade en Boiro, comprobou da man das propias persoas participantes os seus progresos nos eidos das operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e das actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, que incorporou neste último caso contidos arredor da recuperación de ecosistemas mariños e terrestres. Todo no marco do Centro Especial de Emprego Servinserta, polo que Fernández aproveitou para recordar que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria autonómica de axudas para estas entidades, dotada con 27 M€ e que permitirá contribuír ao mantemento duns 6.600 postos de traballo.

Posteriormente, desprazáronse ao porto de Aguiño, no veciño concello de Ribeira, para tomar parte nunha xornada de restauración mariña coa solta de laminarias no mar, conducida por varias persoas participantes no segundo dos programas. Nun acto que contou tamén coa presenza da alcaldesa de Ribeira, María José Sampedro, da concelleira de Promoción Económica e Emprego, Carmen Pérez, e do presidente da agrupación de mariscadores da Confraría de Carreira-Aguiño, Manuel Ángel Reiriz, o secretario xeral aproveitou para destacar a formación dual para persoas con discapacidade polo seu potencial de cara á inserción laboral, incidindo neste caso non só nun sector económico estratéxico senón tamén nunha maior conciencia social e ambiental.

Loading...