A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron esta mañá en senllas mesas no marco da xornada celebrada en Boiro
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron esta mañá na III Feira de Emprego do Barbanza, unha xornada para impulsar o talento e a economía local. Pola súa banda, Lado puxo en valor o evento como punto de encontro de empresas de distintos sectores produtivos, entidades formativas e servizos de orientación laboral no marco dunha mesa dirixida ás novas xeracións ou a persoas en busca de reciclaxe profesional ante as que puxo en valor a aposta da Xunta por unha formación para o emprego flexible adaptada ás necesidades do tecido produtivo e das persoas traballadoras.
Mentres, María Quintiana falou da importancia de poñer a mirada na igualdade, de cambiar patróns estruturais e metodoloxías que seguen presentes desde hai anos, tamén no eido laboral, para crear empresas, organizacións e sociedades máis xustas e igualitarias. Nese sentido, tamén abundou sobre a necesidade de abordar os coidados nas organizacións desde unha perspectiva de xénero e da importancia de seguir introducindo o benestar emocional e de crear espazos de traballo amables, seguros e que acompañen. Así, entre outras claves, falou de importancia de seguir impulsando a conciliación e a corresponsabilidade, como xa se está a facer desde a Xunta de Galicia a través de distintas políticas recursos específicos.
Cómpre engadir que os asistentes á feira poden asistir hoxe a charlas inspiradoras de oficios con futuro, nichos de emprego na comarca, opcións de formación regrada e non regrada e de traballo na Administración pública ou de iniciativa privada.
