A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Centro de Emprego da cidade

Este é un dos tres Programas Integrados de Emprego que o Goberno galego financia este curso no ámbito territorial da Delegación cun investimento conxunto de 580.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto ao alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, o Centro de Emprego de Ferrol, onde puideron encontrarse cos participantes do Programa Integrado de Emprego (PIE), un dos tres programas que o Goberno galego financia este curso cun investimento conxunto de 580.000 euros.

En concreto, este PIE conta cun total de 100 participantes pertencentes a dez colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, que abranguen a persoas con discapacidade; en risco de exclusión social e beneficiarios do tramo de inserción da Risga; mulleres vítimas de violencia de xénero; migrantes con autorización de residencia temporal por arraigamento socioformativo; persoas maiores de 52 anos; persoas cualificadas menores de 30 anos; perceptores de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción; mulleres; desempregados de longa duración; e inmigrantes. Como explicou Aneiros, o obxectivo previsto deste programa é que o 45% do total dos participantes atope traballo ao final da súa formación. Destes 100 alumnos inscritos, actualmente só 73 están formándose co programa, xa que os 27 restantes contan xa cun contrato laboral incompatible coa formación.

O programa, cofinanciado na cidade co Concello de Ferrol, conta cun financiamento autonómico de 220.000 euros e ofrece diferentes itinerarios de formación específica: Xestión loxística e de almacén; Dependente de establecementos comerciais; Técnicas de limpeza e camareiro/a de pisos; Auxiliar de reposición e caixa; Comercialización e venda de produtos de carnizaría; Actividades básicas nas seccións de frescos: panadería, froita, chacinería e apoio en tenda; e Comercialización e venda de produtos da pesca. Ademais, conta con outros servizos como información, prácticas profesionais non laborais en empresas, orientación e asesoramento, intermediación laboral ou formación transversal entre outros.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste na convocatoria 2025-2026 un orzamento de preto dos 10,3 M€, co obxecto de beneficiar a unhas 4.600 persoas desempregadas que recibirán información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral a través dos distintos Programas Integrados de Emprego.

Loading...