A nova convocatoria 2026-2027 destas formacións conta con 60 millóns de euros, ten o prazo aberto ata o 30 de novembro, e aposta por unha formación máis flexible, dual e conectada co mercado laboral
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitaron, esta mañá a entidade, sen ánimo de lucro, Cruz Vermella para coñecer de primeira man dous dos tres cursos de accións formativas para desempregados (AFD). Na visita estivo acompañada pola coordinadora provincial de Cruz Vermella en A Coruña, Carmen Reigía, pola directora do Centro de Formación, Aránzazu Jiménez de Llano, e polo secretario provincial, Marcos Gómez.
Concretamente, esta entidade conta cun apoio total, a día de hoxe, de máis de 311.000 euros para impartir, o curso Atención Sanitaria a Múltiples Vítimas e Catástrofes, e os dous cursos que visitou a delegada, un dos dous de Transporte Sanitario e un dos tres de Atención Sociasanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se ofertan en Cruz Vermella entre 2025 e 2026., algún incluido na nova convocatoria deste ano.
Cursos 25-26
Belén do Campo destacou o esforzo que realiza a Xunta neste tipo de formacións xa que no curso 25-26 xa se aprobaron na provincia da Coruña 280 cursos por un importe de case 15,1 millóns de euros e, concretamente na cidade da Coruña, coa recente ampliación, chegamos a preto de 100 cursos por un importe de máis de 5,2 millóns de euros.
A representante do Goberno autonómico subliñou que o obxectivo destas formacións é mellorar as competencias profesionais das persoas beneficiarias, favorecendo de certificados profesionais con impacto directo na súa inserción laboral.

Nova convocatoria 26-27
Na visita a delegada informou que a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), cun orzamento de 60 millóns de euros —ampliado recentemente en 20 millóns para esta anualidade 2026, dos cales preto de 12,6 millóns de euros están reservados a entidades sen ánimo de lucro, co obxectivo de reforzar a empregabilidade e dar resposta ás demandas reais de talento do tecido empresarial galego. A medida enmárcase no redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar o Goberno galego, baseado na flexibilización, a axilidade administrativa e unha maior conexión co mercado laboral.
Os cursos están dirixidos preferentemente a persoas desempregadas, aínda que poderán participar persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que non se cubran con persoas sen traballo.
O prazo de presentación de solicitudes esta aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento distribuirase en dúas anualidades: 50 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, para accións formativas que poderán iniciarse este ano e prolongarse no seguinte. As entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional e poderán optar ás axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva e contemplan anticipos de ata o 60 %.
A convocatoria garantiza unha oferta formativa dispoñible durante practicamente todo o ano. Entre as novidades, flexibilízanse os requisitos de acceso: as persoas que finalicen unha acción formativa poderán matricularse nunha de nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional anterior, unha opción que tamén se estende a quen estea pendente da homologación dun título estranxeiro.
As accións formativas abranguen os graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional, permitindo unha capacitación modular e adaptada ás necesidades de cada perfil. Así, inclúense microformacións de grao A, formacións de grao B, e programas de grao C. Esta estrutura facilita itinerarios máis flexibles e unha incorporación máis áxil ao mercado laboral.
Co fin de garantir a conexión directa coa realidade produtiva, cada acción deberá acreditar unha demanda efectiva mínima do 30 % do alumnado, comprometida previamente polas entidades formativas. Ademais, os programas de grao C manterán o carácter dual obrigatorio, de xeito que polo menos o 25 % das horas se desenvolvan en contornas reais de traballo. As oficinas de emprego continuarán desempeñando un papel clave na detección de necesidades por sectores e territorios.
