O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou hoxe os últimos datos de desemprego e afiliacións á Seguridade Social destacando que a nosa Comunidade reduciu o paro en preto de 4.500 persoas con respecto a hai un ano
Canto ás afiliacións, Galicia ten 16.479 cotizantes máis ca en marzo de 2025, unha suba que tamén se rexistra con respecto ao mes pasado, con 7.644 afiliacións novas
En relación aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie (maio 2005)
Galicia pechou marzo con 1.095.875 afiliacións á Seguridade Social, 16.479 cotizantes máis ca en marzo do ano pasado, e con 114.670 persoas no paro, 4.485 menos que no mesmo mes de 2025. Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións, que en ambos casos son os mellores para un mes de marzo desde que hai rexistros.
En relación co desemprego, cae na comparativa anual un 3,76 %. O paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-9,83 %), seguida do sector primario (-6,65 %), da industria (-4,62 %) e, por último, dos servizos (-2,93 %).
Canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de marzo de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 2.434 persoas (-3,52 %) e no dos parados de longa duración a baixada é de 3.514 (-5,96 %).
Mentres, na comparativa mensual, o paro tamén se recorta (-1,20 %, o que implica 1.388 persoas desempregadas menos), cun mellor comportamento cá media estatal (-0,94 %).
No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun 1,53 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.644 afiliacións máis, +0,70 %).
Apuntando que os datos deben analizarse desde unha perspectiva a medio e longo prazo, José González sinalou que a tendencia continúa a ser positiva de cara a consolidar un mercado laboral galego máis dinámico, inclusivo e centrado na creación de emprego de calidade.