Esta iniciativa enmárcase na colaboración co Clúster do Ecommerce Galego e está destinada tanto a novos proxectos como a negocios existentes que aposten por acceder á comercialización dixital

Inclúe dous niveis de formación, un de iniciación e outro avanzado e priorizaranse iniciativas procedentes da Rede de polos e proxectos innovadores, que busquen ofrecer produtos ou servizos diferenciados e con orientación ao mercado

Poderán participar ata 24 proxectos e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 10 de abril no espazo web do Clúster do Ecommerce Galego, onde tamén poden consultar as bases cos requisitos para a inscrición

A Xunta lanza a terceira edición de Xerme para seguir impulsando o emprendemento no ecommerce ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e a través da colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego.

O programa, que combina formación técnica e mentorización especializada, está dirixido a persoas emprendedoras e empresas galegas que desexen crear ou consolidar proxectos de comercio electrónico ou servizos vinculados a este ámbito. Ao igual que o ano pasado, estrutúrase en dúas modalidades —iniciación e avanzado— para adaptarse tanto a iniciativas en fase de ideación como a ecommerce xa en funcionamento.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de abril de 2026 no espazo web do Clúster do Ecommerce Galego, onde tamén poden consultar as bases. Entre os proxectos presentados seleccionaranse 24 participantes que accederán a unha primeira fase formativa en abril, centrada no deseño do modelo de negocio. Tras este proceso, escolleranse 16 proxectos —8 por cada modalidade— que continuarán no programa con formación e titorización individualizada ata o mes de setembro.

Priorizaranse iniciativas procedentes da Rede de polos de emprendemento, así como proxectos innovadores, con orientación ao mercado ecapacidade de xeración de emprego e compromiso por parte dos seus promotores, ademais.

Fases do programa

Xerme estrutúrase en tres fases complementarias. Na primeira, os proxectos participarán en obradoiros intensivos para definir o seu modelo de negocio, incluíndo a proposta de valor, a cadea de valor, os canais e a estrutura financeira, e ao mesmo tempo servirá para seleccionar os 16 proxectos que avanzarán á seguinte etapa.

A segunda fase, que se desenvolverá ata setembro, combinará formación avanzada e titorización individualizada adaptada a cada proxecto, centrada na mellora da estratexia competitiva, aspectos técnicos e viabilidade. A terceira fase preparará aos participantes en técnicas de comunicación e presentación, culminando coa celebración dun DemoDay no que cada proxecto poderá expoñer a súa iniciativa ante investidores, clientes e outros axentes do ecosistema emprendedor.

Con esta terceira edición, a Xunta reforza o seu compromiso co impulso do ecosistema emprendedor en Galicia, apoiando o ecommerce como un sector estratéxico para a modernización do tecido empresarial e a creación de novas oportunidades económicas.

Loading...