O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, vén de reunirse co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e coa alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, co fin de reforzar a colaboración para aumentar a empregabilidade en ambas localidades. Nesa liña, no encontro —no que tamén estivo o tenente de alcalde de Muíños, Israel León— abordáronse distintas vías de cooperación co gallo de cubrir vacantes en sectores estratéxicos da contorna, como pode ser o da hostalaría e restauración.

Así, na xuntanza tratouse o interese de ambos municipios por promover formacións relacionadas co sector servizos co fin de dar resposta ás necesidades específicas de capacitación e man de obra do seu respectivo tecido produtivo. Nese senso, cómpre destacar que Muíños e Lobios se veñen beneficiando de convocatorias como as axudas para accións formativas dirixidas a persoas desempregadas (AFD), que veñen neste caso de ampliar dos 40 aos 60 M€ o seu crédito para a orde 2026-2027, co obxecto de apoiar as solicitudes presentadas e outras novas mentres o prazo continúa aberto deica o 30 de novembro. Por último, no encontro falouse da orde que se estreará este ano por un importe de 1,5 M€ para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores beneficiarios de programas de captación de talento.

Loading...