A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou en Ares a unha das beneficiarias da anterior convocatoria, que deixou 55.000 euros de achegas no ámbito da delegación

O programa está dirixido a persoas autónomas que cesaron a súa actividade e deciden emprender un novo negocio

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Ares a unha beneficiaria da pasada convocatoria do Bono Nova Oportunidade, dirixido a persoas autónomas que cesaron a súa actividade e deciden emprender un novo negocio e integrado na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas dotada con preto de 41 M€. Neste caso, foi Nuria Coca, xerente dunha empresa de publicidade, quen recibiu unha axuda de 8.000 euros

Durante a visita, Aneiros destacou que este programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración deixou o pasado ano 55.000 euros en achegas no ámbito da delegación. Deste xeito, expuxo, busca facilitar a volta á actividade económica de emprendedores que, por diversas causas, tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volver emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida. Apuntou tamén que o importe das axudas é de 7.500 euros, que poden incrementarse con 500 euros máis se a beneficiaria é unha muller, para apoiar a posta en marcha do novo negocio sen estar condicionadas a custos concretos.

A delegada aproveitou para recordar que a actual convocatoria do Bono Nova Oportunidade está aberta ata o 30 de setembro, ou ata esgotamento de crédito, e conta cun orzamento de 1,5 M de euros. Para beneficiarse deste programa, as persoas interesadas terán que estar inscritas como persoa demandante de emprego sen ocupación efectiva no momento da alta como persoa autónoma, ter cotizado anteriormente polo menos 3 meses ininterrompidos por conta propia, ter domicilio fiscal en Galicia con anterioridade da nova alta e desenvolver a súa actividade profesional na comunidade, entre outros requisitos. Ademais, deberán ter pasado un mínimo de 6 meses entre a nova alta e a anterior baixa.

Loading...