José González sinala que se está a ultimar con todo o ecosistema emprendedor a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, na que os Polos se reforzarán como antenas que conecten coas oportunidades locais e contarán con equipos itinerantes

A Estratexia incidirá noutros aspectos clave do emprendemento, como a remuda xeracional, a atracción de talento emprendedor retornado, o reforzo dos apoios públicos ou a consolidación de capacidades e da cultura emprendedora

Nese senso, o conselleiro pon de relevo a Rede Ultreia de colaboración público-privada a prol do emprendemento creada o pasado novembro, que suma unhas 70 adhesións

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo os máis de 6.000 proxectos atendidos pola Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e as preto de 580 empresas que se teñen creado en toda Galicia grazas ao labor experto e gratuíto de asesoramento que proporciona esta ferramenta autonómica de apoio. Así o dixo co gallo dun encontro de traballo que mantivo co persoal técnico da Rede, no que estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e no que destacou os Polos como un dos eixes clave no marco da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que se está a ultimar da man de todo o ecosistema emprendedor galego.

Aproveitando a reunión que se celebrou no Centro de Orientación ao Emprendemento, encargado de coordinar as políticas de emprendemento e orientación laboral da Comunidade, o conselleiro agradeceu o traballo e implicación das técnicas e técnicos dos 15 Polos repartidos por todo o territorio, referentes polo seu contacto directo coas mulleres e homes emprendedores de Galicia. Sinalou que entre as iniciativas empresariais que teñen atendido predominan os servizos (17 %), seguidos do comercio (16 %) e da hostalaría (15 %). Tamén que coas persoas emprendedoras que se achegaron á Rede se realizaron máis de 18.100 titorías e organizáronse unhas 2.000 actividades entre reunións con entidades do territorio e eventos.

Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia

Os Polos de emprendemento serán un dos sete eixes clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, unha folla de ruta que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. En concreto, os Polos potenciaranse como antenas que detecten necesidades, conecten coas oportunidades locais e orienten os proxectos cara aos recursos e programas máis adecuados. A maiores, haberá unha oficina dixital única e equipos itinerantes que levarán o apoio ás zonas máis pequenas e rurais, ademais dun mapa de especialización comarcal que identificará os sectores tractores de cada zona, permitindo deseñar proxectos con impacto real no territorio.

Sobre os outros seis eixes da futura Estratexia, José González referiuse á Rede Ultreia de colaboración público-privada impulsada o pasado novembro no congreso do mesmo nome que suma xa unhas 70 adhesións, co fin de compartir recursos e xerar sinerxías no eido do emprendemento. Contará cun mapa colaborativo con todos os axentes, cun catálogo dixital de servizos, axendas comarcais, encontros sectoriais e co Observatorio Galego do Emprendemento.

Tamén aludiu á necesidade de atallar a remuda xeracional no emprendemento, cunha bolsa de negocios en traspaso e un escaparate dixital, cun programa de sucesión empresarial para acompañar as persoas cedentes e sucesoras e co apoio económico do Bono Remuda. No relativo á atracción de talento emprendedor retornado, promoveranse itinerarios integrais de apoio, formación e asesoramento; incentivos para cubrir gastos de posta en marcha de negocios, equipamento, aluguer de locais e servizos de conciliación e mobilidade; e unha rede de embaixadores e comunidades de retornados que conecten as persoas galegas co tecido local.

O titular de Emprego abordou tamén o reforzo do financiamento e das axudas ao emprendemento territorial, con novas ferramentas como os Bonos de innovación e test de mercado para deseñar, prototipar e testar produtos antes da súa comercialización, e un fondo público-privado que ofrecerá préstamos participativos e participación temporal no capital. Así mesmo, falou da consolidación de capacidades e da cultura emprendedora con programas como Eduemprende; formación específica en dixitalización, xestión empresarial e economía circular; reforzo da economía social a través da Rede Eusumo e feiras, encontros e premios de emprendemento. Por último, citou a innovación institucional e cooperación multiaxente, para garantir que a estratexia funciona de forma coordinada dentro da Administración autonómica e no marco da participación en proxectos europeos e transfronteirizos.

Segundo o conselleiro, estes eixes unen apoio, coordinación, financiamento e cultura emprendedora, creando un modelo integral que fai do emprendemento unha ferramenta real para transformar a nosa Comunidade.

 

Loading...