O delegado territorial visitou o curso de Transporte Sanitario que se está a levar a cabo nas instalacións da Autoescola Cíes

A Xunta inviste preto de 23,8 millóns de euros nos cursos AFD da provincia de Pontevedra

Na área de influencia de Pontevedra impartiranse preto de 90 accións formativas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da Autoescola Cíes, en Barro, unha das preto de 90 entidades que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na provincia de Pontevedra.

Durante a visita  falou cos responsables do centro, que lle trasladaron a súa satisfacción co éxito dos cursos, que nos pasados anos contaron cunha taxa de empregabilidade moi elevada. A Autoescola Cíes impartirá ata 12 cursos AFD no concello de Barro (520.000 euros) e outros cinco no concello de Moraña para os cales conta cun financiamento total de preto de case 780.000 euros.

Cabe destacar que na provincia de Pontevedra están aceptadas preto de 500 accións formativas, das cales preto de 90 teñen lugar nos concellos da área de influencia de Pontevedra. Estes cursos contan cun orzamento de máis 4 millóns de euros, dos preto de 23,8 millóns de euros que a Xunta investirá no total da provincia.

O delegado aproveitou a visita para animar a todos os participantes a “seguir formándose e buscando unha oportunidade laboral que, de seguro, será moito máis fácil de atopar grazas ao aprendido nesta acción formativa”. Reguera rematou a visita lembrando os bos resultados das edicións pasadas que “conseguiron que boa parte do alumnado conseguise un emprego nun sector relacionado coa súa especialización”.

A comarca

O concello de Pontevedra é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de 46 cursos distintos e un orzamento de case 2 millóns de euros. Pola súa banda, Barro e Ponte Caldelas foron concedidas 14 accións formativas respectivamente. En Marín impartiranse 11 cursos, mentres que o concello de Bueu contará con catro AFD. Por último, en Poio e Cerdedo-Cotobade impartiranse dous e un cursos AFD respectivamente.

Loading...