O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Forga, unha das preto de 90 entidades que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na provincia de Pontevedra. 

Durante a visita puido conversar co alumnado do curso de Cociña e comprobou o bo estado e excelencia das instalacións nas que se está a levar a cabo. Forga impartirá ata 11 cursos AFD no concello de Ponte Caldelas e outros tres no concello de Vigo para os cales conta cun financiamento de preto de 730.000 euros.  En concreto a formación visitada por Agustín Reguera consta de 800 horas e conta cun orzamento de máis de 95.000 euros. 

Cabe destacar que na provincia de Pontevedra están aceptadas preto de 500 accións formativas, das cales preto de 90 teñen lugar nos concellos da área de influencia de Pontevedra. Estes cursos contan cun orzamento de máis 4 millóns de euros, dos preto de 23,8 millóns de euros que a Xunta investirá no total da provincia. 

O delegado felicitou a todos os participantes polo “desempeño e profesionalidade coa que están a afrontar o curso” e destacou a importancia desta iniciativa financiada pola Xunta que “da unha nova oportunidade a todos aqueles que se queren especializar ou que buscan unha nova área na que desenvolver a súa vida laboral”. 

Reguera rematou a visita lembrando os bos resultados das edicións pasadas destes cursos AFD que “conseguiron que boa parte dos seus participantes atopasen un traballo relacionado coa área na que se estiveron formando”. 

A comarca

O concello de Pontevedra é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de 46 cursos distintos e un orzamento de case 2 millóns de euros. Pola súa banda, Barro e Ponte Caldelas foron concedidas 14 accións formativas respectivamente. En Marín impartiranse 11 cursos, mentres que o concello de Bueu contará con catro AFD. Por último, en Poio e Cerdedo-Cotobade impartiranse dous e un cursos AFD respectivamente.

Loading...