O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Eurotec Inspección S.L.U, unha das preto de 90 empresas que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na provincia de Pontevedra.
O delegado puido conversar co alumnado do curso de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, a quen lle transmitiu o seu entusiasmo e satisfacción coa formación que están a recibir. Eurotec Inspección S.L.U impartirá ata sete cursos AFD no concello de Sanxenxo e outros sete no concello de Caldas para os cales conta cun financiamento de preto de 430.000 euros. En concreto a formación visitada por Agustín Reguera consta de 288 horas e conta cun orzamento de case 30.000 euros.
Cabe destacar que na provincia de Pontevedra están aceptadas preto de 500 accións formativas, das cales 62 teñen lugar nos concellos da comarca do Salnés. Estes cursos contan cun orzamento de case 2,6 millóns de euros, dos preto de 23,8 millóns de euros que a Xunta investirá no total da provincia.
O delegado lembrou os “fantásticos resultados” obtidos en edicións pasadas e celebrou que “a día de hoxe moitas persoas teñen un traballo fixo grazas á formación gratuíta que recibiron nestes cursos financiados pola Xunta”, algo que, segundo explicou, “é unha mostra de que hai un interese real e un equipo cualificado ideando e organizando estas iniciativas, máis alá do importante esforzo económico que supón garantir o funcionamento de medio millar de accións formativas só na provincia de Pontevedra”.
Antes de rematar, Reguera agradeceu o empeño e boa disposición do alumnado e sinalou que “para aqueles que non poidan ou non queiran entrar no mercado de traballo, o emprendemento é unha saída para a cal a Xunta tamén ten varias liñas de apoio”.
A comarca
O concello de Vilagarcía de Arousa é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de 28 cursos distintos e un orzamento de máis de 1,1 millóns de euros. Pola súa banda, Sanxenxo conta con 14 accións formativas. En Cambados impartiranse dez cursos, mentres que o concello de Vilanova de Arousa contará con seis AFD. Por último, na Illa de Arousa impartiranse catro cursos AFD.