A Xunta lembra que mañá venres abre o prazo de presentación de solicitudes da orde que unifica máis de 40,7 millóns de euros en axudas específicas para o colectivo de autónomos. Trátase de cinco programas cos que se prevé beneficiar preto de 8.700 persoas e que contemplan achegas que van desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, incluíndo tamén apoios específicos para a conciliación e outros orientados a aquelas persoas que xa foran autónomas e queiran volver intentalo. Esta convocatoria pioneira enmárcase na aposta da Xunta por avanzar na redución burocrática e na simplificación administrativa, axilizando así a tramitación das achegas.
Complementariamente, mañá tamén se inicia o prazo de presentación das axudas á contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador por parte de autónomos, con dúas liñas compatibles entre si.
Tanto a orde unificada como a específica de contratación permanecerán abertas ata o día 30 de setembro de 2025.
Orde única
Dos máis de 40 M€ desta convocatoria —cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027— 28,9 M€ son para o programa de promoción do emprego autónomo, que conta con dúas liñas: unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos e outra coa que se garante a cota cero durante 12 meses de actividade.
No caso do Bono Autónomo, destinado á mellora da competitividade dos negocios, contará con 8 M€. Neste caso, como novidade, amplíase o período dos gastos subvencionables abarcando o último trimestre do ano anterior ao de solicitude da axuda. Mentres, para o Bono Nova Oportunidade —co que se apoian os autónomos que desexan volver emprender tras o cesamento de actividade— consígnanse 1,5 M€.
Canto ao Bono Remuda (máis de 1,2 M€), introdúcense novidades dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio. Así, engádense —ás xa incluídas para quen asume a empresa— axudas para quen traspasa por xubilación. A achega será de 6.000 euros para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes (Bono remuda rural) ou de 3.000 euros para os localizados en municipios de máis de 10.000 habitantes (Bono remuda xeral).
Por último, a orde inclúe o programa de conciliación (1 M€) e tres liñas para apoiar a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia, e para o coidado de menores, maiores ou dependentes. A terceira liña prevé financiar servizos de coidado para as persoas ao cargo do profesional autónomo.
Axudas para a contratación indefinida
Sobre as axudas para favorecer a contratación indefinida por parte dos autónomos, destínanse 1,35 M€ cos que se prevé beneficiar case 140 persoas desempregadas. Para apoiar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador, inclúense dúas liñas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación. As contías base poderán incrementarse nun 15%, acumulables entre si, se a persoa contratada é unha muller nunha profesión ou oficio no que o sexo feminino estea subrepresentado, se é maior de 45 anos ou se o centro de traballo está no rural.