A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, respondeu hoxe na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento unha pregunta sobre o programa de arraigamento para a formación dirixido a migrantes en situación irregular, poñendo en valor esta iniciativa que se está a consolidar cunha segunda andaina co obxectivo de beneficiar 180 persoas ao tempo que se dá resposta ás necesidades dos sectores económicos que máis man de obra precisan.

A directora xeral agradeceu a implicación das catro entidades que colaboran coa Xunta neste cometido —Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo, as Escolas Familiares Agrarias de Galicia e a ONG Rescate Internacional— ao tempo que destacou que na edición piloto se superou o cento de beneficiarios dos que máis dun 70% conseguiron un traballo indefinido.

Segundo destacou, o proxecto artéllase a través de microformacións, téndose realizado na primeira etapa un total de 59 accións nas catro provincias centradas en eidos como o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros.

O Executivo autonómico —dixo— fai valer así a obtención de microcredenciais para a integración sociolaboral das persoas migrantes, unha tipoloxía de formación desbotada polo Goberno central no novo Regulamento de estranxeiría malia as alegacións presentadas por Galicia, polo que —destacou Lado— se seguirá trasladando ao Estado a necesidade e pertinencia de medidas que atendan ás necesidades das persoas migrantes.

Loading...