O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de entrega de diplomas co gallo do Plan formativo para o sector comercial desenvolvido pola Cámara de Comercio de Santiago coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Alí, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para aumentar a competitividade do tecido comercial tanto nas cidades como nas vilas e poboacións máis pequenas, avanzando na súa profesionalización e -en consecuencia- dinamizando as vendas e o consumo.
Nese senso, o director xeral fixo fincapé en que a Xunta seguirá promovendo accións coma esta no marco do futuro Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, actualmente en elaboración da man de todos os axentes implicados coa idea de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén. En concreto, esta da Cámara de Comercio de Santiago forma parte do convenio asinado con esta entidade e que tamén se levou a cabo coas cámaras de comercio de Vigo, Pontevedra Vilagarcía e Coruña, así como coa Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia, APE. Así mesmo, lembrou que nos últimos días visitou diversas localidades que están levando a cabo formacións centradas en cuestións como o escaparatismo co mesmo obxectivo de seguir dinamizando o comercio local.