A delegada da Xunta, Belén do Campo, inaugurou hoxe o obradoiro de emprego para persoas mozas organizado por Boiro, con A Pobra do Caramiñal e Rianxo, Xuventude I centrado en operacións auxiliares e mantemento de sistemas informáticos. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para o Concello. Estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais. Neste senso, a delegada lembrou que, neste mesmo concello, está a piques de rematar outro obradoiro de emprego dual e comezará outro dual a finais de ano. A Xunta inviste nestes 3 programas máis de 1,3 millóns de euros.

Neste caso, o obradoiro Xuventude I conta cunha achega da Xunta de case 410.000 euros para o seu funcionamento e beneficia a 15 persoas. Belén do Campo resaltou que os alumnos terán a oportunidade de formarse nunha especialidade innovadora que lles abre as portas a un emprego máis especializado

Os estudantes deste taller levarán a cabo traballos de montaxe de equipos informáticos, operacións auxiliares de mantemento de sistemas informáticos e realizarán operacións auxiliares con tecnoloxías de información e comunicación.

No presente taller de formación a representante do Goberno autonómico resaltou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas obterán un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, brindaráselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.

En relación coa convocatoria de axudas deste ano 24-25, en toda Galicia invístense máis de 6,6 millóns de euros para desenvolver 15 obradoiros de emprego para persoas mozas cos que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña haberá 6  obradoiros deste tipo, para menores de 30 anos, que combinarán formación e traballo remunerado durante 12 meses, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros e máis de  90 prazas.

A través dos programas seleccionados, a mocidade participante pode adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, carpintería, cantería, deseño gráfico, informática, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.

 A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. A acción enmárcase nos programas públicos de emprego-formación que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas menores de 30 anos rexistrados no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais

A estes obradoiros para persoas mozas, lanzados en réxime de concorrencia competitiva, puideron presentarse concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados resultantes de fusión e os que tiveran condición de municipios emprendedores.

Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.

Loading...