Durante a xornada de hoxe, participou en Edugal o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, cun relatorio sobre as oportunidades para o emprendemento en Galicia. Na súa intervención, referiuse á Rede de polos con 14 centros activos e con máis de 2.500 proxectos atendidos ata o momento e a axudas dispoñibles como a cota cero para novas altas de autónomos ou o Bono Remuda para sufragar parte dos gastos de transmisión de empresas rendibles que vaian pechar. Tamén aludiu a iniciativas novidosas como o proxecto pioneiro de coliving que está a impulsar a Xunta para atraer nómades dixitais ou traballadores en remoto ao noso rural.
A maiores, interveu a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, que puxo de relevo as posibilidades que ofrece o sector artesán ás novas xeracións para o inicio de novas actividades empresariais. Nesa liña, destacou as oportunidades de negocio dos máis de 800 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e o reto de remuda xeracional que existe neste eido fundamental da nosa economía. Un reto ao que está a facer fronte o Goberno autonómico cunha estratexia integral da que forma parte o programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que deu comezo xa a dous de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía.
Precisamente no posto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración instalado en Edugal haberá -deica este venres, e en horario de mañá- obradoiros organizados pola Fundación Artesanía de Galicia arredor do torno cerámico, das cianotipias, do gyotaku aplicado a saquetas de tea e do marmoleado. A maiores, ofreceranse charlas sobre como elaborar un currículum vítae ou sobre como preparar unha entrevista de traballo, ademais de prestarse información sobre a ferramenta EMi aplicada nas oficinas de emprego para casar oferta e demanda laboral en tempo real ou sobre a Rede de polos de emprendemento.