O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse hoxe co secretario xeral da Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, con quen abordou as necesidades deste sector tanto no referente a man de obra como no relativo á formación orientada a incrementar a competitividade das persoas traballadoras e, en consecuencia, das empresas. Tan só dúas semanas despois da mesa de traballo mantida co sector metalmecánico con este mesmo obxectivo, abordáronse vías de captación de talento como a Estratexia Galicia Retorna ou o programa de arraigamento para a formación que vén de activar a súa segunda edición.
Así, no encontro avanzouse no coñecemento das necesidades específicas de persoal dos asociados de Asime, identificando as barreiras de acceso a man de obra e informando sobre as diferentes vías e recursos que ten en marcha a Administración autonómica para facilitar a incorporación ao mercado laboral da colectividade galega do exterior e de persoas estranxeiras. Así mesmo, buscouse detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura, coa idea de propoñer a súa actualización ao Goberno central.
Avogando pola colaboración público-privada en contacto permanente coas empresas, os representantes autonómicos lembraron que a modernización do Servizo Público de Emprego a través da intelixencia artificial para casar oferta e demanda laboral en tempo real, as microformacións adaptadas ás necesidades específicas do tecido produtivo e a optimización das listas de demandantes nas oficinas de emprego están contribuíndo a proporcionar exactamente os perfís profesionais que se precisan.
Captación de talento fóra de Galicia
Na reunión mencionáronse tamén iniciativas como o Programa Retorna Cualifica Emprego dentro da Estratexia Galicia Retorna, que posibilita ofrecer -da man das empresas- traballos en orixe aos galegos do exterior ou aos seus descendentes, así como formación ao efecto e axudas para establecerse, co gallo de que regresen á nosa Comunidade e fixen poboación.
Así mesmo, no marco da integración das persoas estranxeiras adaptada ás necesidades do noso mercado laboral, fíxose fincapé en que este mesmo luns se asinaron os convenios para activar a segunda edición do programa de arraigamento para a formación. Unha iniciativa que favorece, a través das microformacións, a inserción laboral e a regularización dos migrantes en situación irregular, ao tempo que contribúe a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores como pode ser o metalmecánico.