O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do programa de emprego de Garantía Xuvenil “Xovenes Moraña-Valga II” no concello de Valga.

O programa, que tivo unha duración de preto de un ano, contou cun financiamento da Xunta de máis de 435.000 euros, que permitiron que 16 mozos e mozas se formaran nas especialidades de ‘Conservación e mellora de montes, repoboacións forestais e tratamentos silvícolas’ e ‘Albanelaría’.

O delegado territorial utilizou a súa intervención para destacar a importancia da “colaboración entre institucións e concellos” e asegurou que os concellos de Moraña e Valga son “un exemplo de como traballando de forma conxunta é máis fácil optar a axudas e programas autonómicos que repercutan positivamente nos seus veciños e veciñas”.

Reguera rematou incentivando a todos os mozos e mozas que contemplen o emprendemento como unha opción de futuro a achegarse a un dos 14 Polos de Emprendemento que a Xunta ten por todo o territorio galego: “Son lugares onde vos poden asesorar e informar sobre os programas e axudas que dende a Xunta se poñen a disposición dos novos emprendedores”. Cabe destacar que estes Polos de Emprendemento atenderon máis de 2.400 iniciativas empresariais e ofreceron máis de 6.600 titorías.

Obradoiros de Emprego Duais

Cabe destacar que, continuando cos programas de formación e fomento do emprego, nas próximas semanas arrancará un Obradoiro de Emprego Dual organizado polos concellos de Valga, Moraña e Portas que involucrará a 20 persoas desempregadas. Esta modalidade de obradoiro combina a formación teórica coa práctica mediante prácticas remuneradas no propio concello. Así, esta iniciativa conta cun investimento por parte da Xunta de máis de 410.000 euros. En total, a administración autonómica investirá máis de 8 millóns de euros nos 20 Obradoiros de Emprego Duais 2024-2025 que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra.

Loading...