O Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia de Coñecemento en Saúde, formou a 15.301 profesionais na atención ás persoas xordas a través dos cursos sobre A comunicación coas persoas xordas na consulta e Servizo de videointerpretación na atención sanitaria urxente ás persoas xordas.

En concreto, 12.751 profesionais do Servizo Galego de Saúde superaron xa o curso online sobre A comunicación coas persoas xordas na consulta. Esta formación conta con máis de 17.000 persoas inscritas e espertou un especial interese desde a súa inclusión, por parte da Dirección Xeral de Recursos Humanos, como puntuable para a carreira profesional en todas as categorías do Servizo Galego de Saúde.  

Ata o momento, 4.282 profesionais de enfermería conforman a categoría con maior representación que superou o curso sobre comunicación na consulta; 3.289 técnicas en coidados auxiliares de enfermería (TCAE); 1.272 celadores; e 752 auxiliares da función administrativa.

No referente ao curso sobre o Servizo de videointerpretación na atención sanitaria urxente ás persoas xordas, servizo posto en marcha pola Xunta en colaboración coa Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia, foi superado a día de hoxe por 2.550 profesionais. Neste caso, o curso está destinado unicamente a persoal dos servizos de urxencias hospitalarias e puntos de atención continuada, dado que son os servizos onde se emprega a videointerpretación as 24 horas. 

Así, a categoría con máis número de persoas que xa superaron o curso sobre videointerpretación é a de técnicas en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), con 649; seguida de enfermería, con 642; celador, con 413; e persoal de servizos xerais (PSX), con 391. 

Ademais da formación ofrecida polo Servizo Galego de Saúde a través da Axencia de Coñecemento en Saúde, preto de 200 profesionais da sanidade pública galega contan con formación acreditada en lingua de signos.

Hoxe, día 29 de setembro, conmemórase o Día internacional das persoas xordas.

Loading...