A delegada da Xunta, Belén do Campo clausurou hoxe o obradoiro de emprego para persoas mozas organizado pola Coruña e Culleredo Unha ventá ao porto medieval da Coruña, de produción fotográfica e dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía. Estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais. 

Neste caso, o obradoiro Unha ventá ao porto medieval da Coruña beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 424.000 euros para o seu funcionamento -que beneficia a 16 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor- que se manterá deica novembro deste ano. Belén do Campo resaltou que este curso formou aos alumnos en dúas especialidades con gran demanda de emprego.

Os estudantes de producción fotográfica realizaron un gran traballo para dixitalizar en 3D os bens e inmobles do patrimonio cultural do Concello da Coruña, un esforzo que permitirá preservar e dar a coñecer a riqueza cultural da Coruña dun xeito máis atractivo e innovador, e os que optaron por dinamización cultural elaboraron programacións culturais deseñadas en coordinación cos servizos municipais dos bens e espazos da cidade que serán de gran utilidade para ofrecer aos turistas que visitan a cidade.

No presente taller de formación, que xa rematou, a representante do Goberno autonómico resaltou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.

En relación coa convocatoria de axudas deste ano 24-25, en toda Galicia invístense máis de 6,6 millóns de euros para desenvolver 15 obradoiros de emprego para persoas mozas cos que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña haberá 6  obradoiros deste tipo, para menores de 30 anos, que combinarán formación e traballo remunerado durante 12 meses, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros e 96 prazas.

A través dos programas seleccionados, a mocidade participante pode adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, carpintería, cantería, deseño gráfico, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.

 A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. A acción enmárcase nos programas públicos de emprego-formación cofinanciados pola Unión Europea que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas menores de 30 anos rexistrados no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais

A estes obradoiros para persoas mozas, lanzados en réxime de concorrencia competitiva, poden presentarse concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados resultantes de fusión e os que tiveran condición de municipios emprendedores. 

Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.

Loading...