A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na apertura dun obradoiro do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco arredor das oportunidades que as novas tecnoloxías ofrecen no ámbito rural. En colaboración co centro de formación Aerocámaras e co fabricante de maquinaria agrícola John Deere, falouse en concreto das posibilidades dos drons e da Internet das Cousas (IoT).

Na súa intervención, a directora xeral puxo de relevo que o Polo de Coristanco leva atendido máis de 200 proxectos desde a súa inauguración, un 56% deles impulsados por mulleres. Por sectores, predominan os servizos (21%), seguidos do comercio (15%) e da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (13%).  

Canto á actividade do Polo, coas persoas emprendedoras que acudiron a asesorarse sobre as súas empresas -de xeito totalmente gratuíto e de principio a fin das iniciativas- xa se superaron as 1.100 titorías, máis da metade delas de xeito telemático. A maiores, téñense realizado case un cento de reunións con entidades do territorio e máis dunha vintena de accións entre formacións e eventos.

Mariño destacou estes datos nunha xornada na que as persoas emprendedoras interesadas puideron aprender máis sobre drons, sobre a Internet das Cousas e sobre como optimizar os procesos produtivos no seu negocio rural mesmo con demostracións prácticas. Tamén establecer contactos con outras persoas emprendedoras da contorna.     

A directora xeral animou aos participantes a confiar na Rede de polos para consolidar os seus proxectos de emprendemento, co gallo de seguir xerando riqueza e emprego e servir de dinamizadores e vertebradores do territorio.

Loading...