A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no acto de entrega de diplomas dos certificados de profesionalidade ao alumnado do curso de panadería e bolería para persoas desempregadas impartido no grupo de distribución alimentaria A Moenda. Alí, puxo de relevo a aposta da empresa constituída como Centro Especial de Emprego (CEE) por reforzar as súas principais liñas de produción a través da convocatoria de accións formativas para desempregados, en concreto, grazas a unha axuda autonómica de máis de 58.000 euros. Unhas achegas que este ano acadan os 76 millóns de euros a nivel galego coa previsión de beneficiar ata 18.000 persoas sen traballo.
Nesa liña, a directora xeral felicitou aos 15 participantes no curso de panadería e bolería, poñendo de relevo que todos eles contan con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%. Tras terse beneficiado dun total de 558 horas presenciais de formación, tanto teóricas como prácticas, dispoñen -dixo- dos coñecementos necesarios para incorporarse ao mercado laboral en empresas como A Moenda, que conta actualmente con 43 persoas traballadoras -40 delas con discapacidade- e que contratará este mes de setembro -de feito- parte destes alumnos que se veñen de formar.
Convocatoria AFD 2024
Zeltia Lado aproveitou o acto para sinalar que a convocatoria de accións formativas para persoas desempregadas deste ano continúa a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustarse aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta, deste xeito, ás vacantes que existen no mercado laboral.
Para optar a estes apoios darase prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego, revisándose e modificándose esta relación de materias formativas consideradas como prioritarias, ademais de avaliarse a súa empregabilidade. Estas especialidades formativas prioritarias considéranse por bisbarra ou a nivel de Galicia e, ademais de estar coordinadas co tecido produtivo galego, contan cun estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.
Máis flexibilidade, tamén para o alumnado
A convocatoria tamén presenta novidades no referido ao acceso do alumnado aos cursos. Por vez primeira, non se esixirá ter a titulación precisa para un curso de xeito previo, permitindo formarse en paralelo. Isto quere dicir, na práctica, que un alumno sen Bacharelato que desexe estudar un grao C de nivel 3 -a efectos académicos, equivalente a ese nivel educativo- poderá estudar, á vez, o curso formativo e as competencias claves precisas para obter este certificado profesional.
Ademais, tamén como novidade, o alumnado poderá estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional, dentro da aposta da Xunta por flexiblizar ao máximo a formación e axustala ás necesidades de empresas e traballadores.
Poden ser beneficiarias destas axudas as entidades e centros de formación que estean acreditados ou, de ser o caso, inscritos para impartir en Galicia as ofertas formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos B e C (correspondentes á obtención dos certificados de competencia e profesionais) e/ou as competencias clave para as cales se soliciten as axudas, xa sexa na modalidade presencial ou virtual.