O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Consultora Monte Alto, unha das 45 entidades que están a impartir os cursos de Acción Formativa para Desempregados (AFD) na área territorial de Pontevedra.
O delegado puido conversar co alumnado do curso de Tratamento de datos, que lle transmitiu a súa motivación e ilusión por conseguir rematar o curso cos coñecementos necesarios para comezar unha carreira laboral neste sector que conta cunha alta demanda de man de obra.
A Consultora Monte Alto terá impartido a finais deste ano ata 15 cursos AFD para os cales conta cun financiamento de preto de 700.000 euros. En concreto, 10 de estes cursos xa remataron, quedando unicamente cinco en activo na actualidade.
Cabe destacar que na área territorial de Pontevedra están aceptadas un total de 228 accións formativas, das cales 86 teñen lugar nos concellos da área de influencia de Pontevedra. Estes cursos contan cun orzamento de preto de 3,7 millóns de euros, dos case 10 millóns de euros que a Xunta investirá no total da área territorial de Pontevedra.
O delegado aproveitou a visita para destacar a importancia destes cursos que “permiten formar a persoas desempregadas en especialidades que contan cunha gran demanda de profesionais cualificados”. O éxito destas accións, segundo explicou Reguera, pódese comprobar coa “altísima taxa de empregabilidade do alumnado que remata as formacións”.
Outros concellos da área de influencia
O concello de Pontevedra é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa área de influencia, cun total de 51 cursos distintos e un orzamento de máis de 2 millóns de euros. Pola súa banda, Marín conta con oito accións formativas e Ponte Caldelas con 14 cursos. En Marín e Barro impartiranse oito cursos en cada concello, mentres que o concello de Bueu impartirá este 1024 un total de cinco cursos AFD.