O mercado laboral de Galicia segue avanzando e acada, con 118.678 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de agosto de toda a serie histórica (1996). Ademais, a comunidade galega rexistra 1.092.886 persoas afiliadas, a cifra máis alta nun mes de agosto desde o ano 2005 e que aumenta en 14.975 persoas en relación co mesmo mes do ano pasado.

Así o sinalou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración realizada en relación cos datos de paro rexistrado e de afiliacións, na que subliñou que agosto é un mes no que adoita subir o paro debido á finalización de moitos contratos temporais, como acontece tamén ese ano na evolución mensual, cunha suba do 0,54%.

O titular de Emprego insistiu en valorar as cifras desde o punto de vista da súa evolución. En termos anuais, o desemprego en Galicia baixa nun 7,08%, e, segundo sinalou, en relación co conxunto de España e con agosto de 2023, diminúe a un ritmo maior, superando a baixada do Estado en 2,25 puntos. A isto engadiu que Galicia é a terceira comunidade que acada unha maior redución de paro rexistrado no último ano en termos relativos.

Nesta evolución anual, tamén cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.

Tamén na comparativa anual, por sectores, liderou a baixada o primario (-12,12%) seguido da construción (-11,05%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu o paro nas mulleres (-7,67%), entre os menores de 30 anos (-5,84%) e nos parados de longa duración (-6,45%). Ademais, as cifras de mulleres desempregadas, con 70.361,  e de desempregados xuvenís, con 12.533, son as máis baixas nun mes de agosto desde que hai rexistros (2005).  A de parados de longa duración, de 60.952, é a cifra máis baixa dun mes de agosto dos últimos 16 anos.

Máis e mellor emprego de calidade

Neste sentido, o conselleiro insistiu en que o Goberno galego segue traballando en distintas medidas para continuar xerando máis e mellor emprego de calidade dentro dun mercado laboral dinámico e inclusivo e buscando sempre un crecemento económico intelixente.

Entre elas, está a modernizar o Servizo Público de Emprego e a casar oferta con demanda a través da ferramenta baseada en Intelixencia Artificial, EMi. Deste xeito, busca incrementar as oportunidades laborais das persoas que realmente queren traballar. Ademais está a impulsar as microformacións para incidir na capacitación das persoas desempregadas e na reciclaxe das ocupadas co fin de que encaixen nos perfís que requiren as empresas.

No ámbito do emprendemento, o Goberno galego segue despregando a Rede de polos que conta con 14 oficinas, coa previsión de ampliarse ata 15 proximamente. As medidas que desenvolve a Xunta neste ámbito levaron a que Europa recoñecese a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025.

Loading...