A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, acaba de presentar o plan de transferencia tecnolóxica para o agro galego, que conta cun orzamento de 105.000 euros para 2024 cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.
Estes fondos económicos teñen como obxectivo manter ao sector agrario actualizado para o desempeño do seu traballo a través de xornadas técnicas, mesas redondas, simposios, seminarios temáticos ou outras accións divulgativas que se celebrarán principalmente nos centros de formación e experimentación agraria, así como nos centros de investigación dependentes da Consellería. Así, impulsaranse, entre outras, accións vencelladas cos sectores lácteo e cárnico, a viticultura e a apicultura. Tamén se realizarán xornadas transversais orientadas ao emprendemento no sector primario.
Poderán asistir a estas formacións agricultores, gandeiros, silvicultores con producións con orientación comercial ou con expectativa de incorporación, incluídos os membros da compañía familiar e as persoas asalariadas das explotacións. Tamén poderán inscribirse os asalariados das empresas de servizos agrarios e da industria transformadora.
As persoas interesadas en realizar unha presolicitude terán que solicitala de xeito telemático a través da seguinte ligazón, inserindo o código do curso ou seleccionando nas seccións de búsqueda habilitadas. As datas e lugares de impartición dos cursos anunciaranse proximamente, unha vez se acade o mínimo de 10 persoas preinscritas para a acción formativa solicitada. Tamén se poden consultar aquí outros cursos que oferta a Axencia.
Ligazón á preinscrición:
https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas
Ligazón á oferta formativa:
https://ovmediorural.xunta.gal/es/consultas-publicas/acciones-formativas