A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apoia con máis de 7,1 M€ a contratación de preto de 260 orientadores laborais en máis de 90 concellos das catro provincias galegas e en arredor de 40 entidades sen ánimo de lucro, o que permitirá atender máis de 77.000 persoas desempregadas no conxunto da Comunidade. Así o reflicte a resolución da convocatoria de 2024 realizada recentemente.

Estes orientadores prestan asistencia e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Entre outras funcións, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, proporcionan información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos, deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego ou informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Os seus contratos terán unha duración dun ano financiándose estes postos cunha contía máxima de 28.000 euros por cada técnico en orientación laboral incorporado a tempo completo e con 31.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á discapacidade e/ou a persoas en risco de exclusión.    

Cómpre destacar ademais que estes orientadores laborais contratados por concellos e entidades sen ánimo de lucro teñen parte activa no perfilado competencial que se está a realizar entre os demandantes activos de emprego a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, da que se beneficiarán 70.000 persoas nun ano. Concretamente, forman parte dos máis de 400 orientadores que se encargarán deste cometido crucial para casar oferta e demanda laboral en Galicia.

O fortalecemento da rede de orientación laboral da Xunta enmárcase no amplo proceso de modernización que o Goberno galego está a acometer para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os seus servizos de emprego co obxectivo último de mellorar a empregabilidade de galegas e galegos, mediante a mellora da cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada ás necesidades do mercado e cunha orientación e asesoramento personalizados.

Loading...