Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que neste 2024 impulsará a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas, ademais de promover a adaptación dos espazos de traballo co gallo de favorecer a igualdade. Cun orzamento inicial próximo aos 1,7 millóns de euros que poderá ser ampliable, trátase da primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa, que dá cumprimento á Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia aprobada a finais do ano pasado.
Coa orde de achegas, que é un dos compromisos para os primeiros 100 días de lexislatura do presidente Alfonso Rueda, búscase incrementar a presenza de mulleres en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas. Ao mesmo tempo, tamén ten como fin contribuír a atraer e reter talento e a diminuír a fenda salarial entre xéneros incrementando a renda das mulleres e a súa promoción profesional.
Deste xeito, con esta liña prevese beneficiar unhas 75 mulleres desempregadas para seren contratadas en ocupacións como a enxeñaría en construción e obra civil; as enxeñarías relacionadas co deseño, investigación e desenvolvemento, análise e deseño de software; ou en ocupacións técnicas relacionadas coas ciencias físicas, químicas e ambientais. Tamén no ámbito da loxística, transporte de pasaxeiros e mercadorías e nas relacionadas coa mecánica e reparación de equipamentos electrónicos, entre outras.
Poderán ser entidades beneficiarias desta nova orde de achegas as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados en Galicia.
Detalles da convocatoria
A orde conta con dúas liñas de axuda, a primeira para impulsar a contratación por conta allea de mulleres desempregadas en ocupacións masculinizadas ou con infrarrepresentación feminina, mediante contratos de duración indefinida realizados entre o 1 de xaneiro de 2024 e ata o 20 de outubro de 2024. Así, as contratacións indefinidas iniciais a tempo completo incentivaranse cunha contía base de 15.000 euros. Mentres, aos contratos indefinidos iniciais a tempo parcial (mínimo 50%) e aos indefinidos fixos-discontinuos (mínimo 6 meses) corresponderalles unha contía base de 7.500 euros.
Estas cantidades base poderán incrementarse nun 15% nos seguintes casos, acumulables entre si: se o centro de traballo está situado nun concello rural, se a muller contratada ten discapacidade, se é maior de 45 anos, se é retornada ou estranxeira ou se é unha persoa trans. Deste xeito, a contía máxima posible a subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 26.250 euros.
Canto á segunda liña de axudas, busca promover a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo nas empresas, con obras en aseos, vestiarios ou en espazos para menores realizados e pagados a data de 20 de outubro de 2024. Neste caso, o importe máximo da axuda será de 10.000 euros.
En total, polo tanto, e de aplicarse todas as subas, a axuda máxima posible para unha empresa beneficiaria sería de 36.250 euros por persoa contratada e adaptación do espazo.
O prazo de solicitude das achegas arranca mañá e prolongarase ata o próximo 30 de setembro.
Ligazón á orde no DOG: