O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor o labor clave que desempeñan os orientadores laborais para seguir mellorando a empregabilidade das galegas e dos galegos. Fíxoo no marco dunha reunión mantida cos directores e orientadores das oficinas de emprego da provincia de Lugo, na que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho; a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Esta xuntanza forma parte do proceso de escoita activa que José González está a manter con todos os axentes económicos e sociais de Galicia e tivo como obxectivo afondar nas melloras que permitan seguir incrementando as oportunidades laborais das persoas lucences, axudándolles a atopar un traballo estable e de calidade.
Neste sentido, José González destacou os bos resultados do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego impulsado pola Xunta, que permite afinar que nas listas do paro estean as persoas que demandan emprego dun xeito activo e que facilitou a contratación de máis de 4.300 persoas.
Ademais, referiuse á modernización que se está a desenvolver no Servizo Público de Emprego de Galicia para, entre outros fins, casar oferta con demanda e dar saída aos perfís que demandan as empresas. Neste ámbito salientou a ferramenta tecnolóxica, EMi, baseada na Intelixencia Artificial, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e pioneira en España e na Unión Europea.
Con EMi, lembrou, o Executivo galego avanzará na detección de competencias para facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións de cara a aumentar a empregabilidade das galegas e galegos coa previsión de que se poidan beneficiar máis de 70.000 persoas da iniciativa ata setembro de 2025. A finalidade, subliñou, é que as persoas que demandan traballo atopen unha ocupación o máis axeitada posible ás súas capacidades.
Contribución dos orientadores laborais
Nesta liña, o conselleiro puxo en valor a contribución dos orientadores laborais aos resultados históricos do mercado laboral no mes de xuño no que, por primeira vez na serie histórica (1996), o paro en Galicia se situou por debaixo das 118.000 persoas.
En relación coa provincia e a cidade de Lugo, explicou que as cifras reflicten o mesmo ritmo positivo, con baixadas do paro na evolución anual e mensual. A caída na provincia de Lugo con respecto a hai un ano é do -8,59%, igual que a media galega.
Ademais, José González expuxo que o Goberno galego seguirá impulsando o traballo dos orientadores laborais con apoios como os que se revolveron recentemente e que permiten a contratación de 258 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro cun investimento superior aos 7,1 millóns de euros.