A Xunta de Galicia vén de convocar novos cursos preparatorios para as probas de acreditación de certificación de lingua galega (Celga), así como de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña que se impartirán entre outubro deste ano e maio de 2025 nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia (EOI) de oito cidades.
As persoas interesadas en participar nestes cursos deberán realizar unha inscrición telemática a través do enderezo web habilitado. O prazo vai do 1 ata o 12 de xullo de 2024 para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro), e do 11 ata o 22 de novembro de 2024 para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).
Tanto os cursos preparatorios Celga (de 60 horas de duración), como os de linguaxe administrativa galega, non teñen custo para o alumnado e pódenos solicitar aquelas persoas maiores de dezaseis anos, ou quen os faga en 2024, que desexen preparar as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificaren a súa competencia en lingua galega, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.
No caso dos cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados públicos das administracións autonómica, local ou da Administración periférica do Estado na comunidade, agás o persoal docente e sanitario. Todos os solicitantes deberán estar en posesión dalgún certificado como o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, ou cursos básicos de linguaxe administrativa.