A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na clausura do II Foro de Emprego organizado pola Confederación de Empresarios que preside Antonio Fontela. Belén do Campo destacou na súa intervención que a Xunta de Galicia está mantendo os procesos de escoita activa con todos os axentes sociais e económicos para buscar solucións e para seguir facendo de Galicia unha terra próspera e de oportunidades. “Apostamos polo diálogo social e pola colaboración público-privada para seguir avanzando no progreso e crecemento de Galicia”, puntualizou a delegada.
A representante do Goberno autonómico sinalou que “este foro é un espazo onde se constrúen pontes, fórxanse relacións e se delinean as oportunidades que moldearán o futuro da nosa economía e sociedade”. Neste senso, subliñou que na Confederación de Empresarios da Coruña, “están comprometidos en apoiar e fomentar a educación continua e a formación profesional, entendendo que son alicerces fundamentais para o éxito tanto individual como colectivo”.
A delegada destacou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinará case o 90% dos orzamentos deste ano ao eido do emprego, é dicir, case 574 millóns de euros de 637,8 millóns e puxo en valor a Oficina Económica de Galicia, cun canal único de interlocución coas empresas para prestarlles asesoramento personalizado e a aposta do Goberno galego polo apoio ao emprendemento, que contará con 30,6 millóns de euros, nos que se inclúen os Polos de Emprendemento: unha rede de centros para asesorar da man de expertos a aquelas persoas que deciden dar o primeiro paso de emprender.
Finalmente, referiuse tamén aos 45 millóns de euros destinados ao emprego autónomo apuntando que “Galicia conta cunha nova medida pionera e novidosa que é a cota cero para todas as personas que inicien a súa actividade como persoas traballadoras autónomas”. Deste modo, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se den de alta este ano. Neste senso, apuntou que “o obxectivo que buscamos é seguir convertendo a Galicia nunha terra cada vez máis atractiva para emprender. Hai que lembrar que a nosa comunidade é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de autónomos de toda España, 20 %, fronte ao 16 % da media, o que ten un efecto moi positivo na economía da comunidade”.