A Xunta ofertará o maior número de prazas de formación sanitaria da historia de Galicia, cun total de 657, destinadas aos profesionais sanitarios con titulación universitaria de grao/licenciatura/diplomatura en Medicina, Farmacia, Enfermería e do ámbito da Psicoloxía, Química, Bioloxía e Física.

Así se desprende dun informe da Consellería de Sanidade sobre a oferta 2024/2025 de prazas de formación sanitaria especializada en Galicia que hoxe abordou o Executivo galego na súa reunión semanal.

Estas prazas son 19 máis que as ofertadas no exercicio anterior (638). Das 657 prazas ofertadas, 505 son de especialidades médicas e as restantes son 113 de enfermería, 15 de farmacia, 2 de física, 15 de psicoloxía, 4 de química e 3 de bioloxía.

Galicia oferta o 100% das prazas acreditadas, un total de 234, nas especialidades de medicina familiar e comunitaria (207) e de pediatría (27), que son nas que existe unha maior necesidade de profesionais.

No que atinxe á especialidade de medicina familiar e comunitaria, nas cinco últimas convocatorias ofertáronse a totalidade das prazas acreditadas nas que, ademais, se produciu un significativo aumento, pasando das 142 (2020-2021) ás 207 actuais.

Na convocatoria tamén se ofertan o 100% das prazas acreditadas nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, endocrinoloxía e nutrición, xeriatría, inmunoloxía, medicina interna, medicina nuclear, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, oncoloxía radioterápica, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, medicina preventiva, matronas, psiquiatría, psiquiatría infantil e da adolescencia, psicoloxía clínica, enfermería pediátrica e enfermería xeriátrica.

As necesidades das distintas especialidades non son sempre as mesmas polo que, na serie histórica sobre o total das distintas especialidades, ningunha comunidade autónoma, nin a propia Administración Xeral do Estado, convoca nunca o 100% das prazas acreditadas.

Así mesmo, no caso das especialidades relacionadas coa saúde mental prodúcese un incremento do 7,7% no número de prazas respecto do pasado ano, até acadar un total de 56, fronte ás 52 da oferta anterior. En concreto, serán 18 en psiquiatría (1 máis); 2 en psiquiatría infantil e da adolescencia (1 máis); 15 de psicoloxía clínica (1 máis respecto 2023); e 21 de enfermería especializada en saúde mental (1 máis).

Cómpre destacar que a presente  oferta será financiada de xeito íntegro con recursos da Administración autonómica galega, tal e como vén facendo, cun investimento neste ano 2024 de 78 millóns de euros.

Nesta convocatoria obtívose en Galicia a acreditación de 16 novas prazas. En concreto, para a unidade docente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, son 2 de enfermería de saúde mental, 2 de enfermería xeriátrica, 1 de oncoloxía médica, 1 de psicoloxía clínica, 1 de psiquiatría e 1 de psiquiatría infantil e da adolescencia.

Para a unidade docente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, son de nova acreditación 1 praza de medicina intensiva e 1 de neumoloxía. Para a unidade docente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, 2 de enfermería de saúde mental e 1 de farmacia.

Ademais, son prazas de nova acreditación, 1 de medicina intensiva para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; 1 de oncoloxía médica para o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e 1 tamén de oncoloxía médica para o Complexo Hospitalario Universitario de Lugo.

Reclamación ao Ministerio de Sanidade

Como se pode desprender destes datos, a Xunta continúa a facer cos seus recursos un esforzo para incrementar a capacidade de formación de especialistas co obxectivo de prestar servizos sanitarios de calidade. Porén, o Goberno galego ten que continuar reclamando do Ministerio de Sanidade que tamén leve a cabo as accións que lle corresponde no marco das súas competencias para, deste xeito, mellorar o sistema de formación sanitaria especializada.

Entre estas medidas que debe realizar o Goberno central está mellorar o sistema de selección para evitar que resulten prazas vacantes despois da resolución da convocatoria, eliminando as rixideces do sistema de elección electrónica e a nota de corte no exame que impida que médicos que aspiran a algunha das prazas convocadas quede sen posibilidade de elección, mentres existan prazas sen cubrir.

Así mesmo, debe modificar o procedemento e os criterios de acreditación de prazas para a súa flexibilización, sobre todo nas especialidades deficitarias. O que se trata é de facilitar o incremento de unidades nas que levar a cabo esta formación.

Xunto ao anterior, a Xunta pídelle ao Ministerio que axilice a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, polo seu impacto directo sobre a atención primaria e, ademais, debe o Goberno central incorporar un rexistro de profesionais de todo o Sistema Nacional de Saúde que permita a planificación das convocatorias de xeito global.

A Xunta destaca o labor dos profesionais que colaboran coa docencia: o esforzo de xefes de estudo, titores e colaboradores docentes é imprescindible para que poida manterse a alta calidade na formación de especialistas.

Loading...