Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, vén de reunirse coa presidenta da Asociación de empresas de inserción de Galicia (Aeiga), Isabel Fraga, e coa directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, no marco do proceso de escoita activa aberto cos distintos axentes implicados na xeración de emprego na nosa Comunidade. No encontro confirmaron os bos resultados das colaboracións mantidas ata o de agora e o compromiso de mantelas.
Nesa liña, a reunión serviu para poñer sobre a mesa a relevancia das empresas de inserción galegas no eido da sustentabilidade e da economía circular, confirmando o enfoque da 2ª Estratexia galega da economía social Horizonte 2027, coa que a Xunta persegue posicionar esta fórmula empresarial nos sectores verde, sustentable, industrial, tecnolóxico e dixital, ao tempo que contén medidas para xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades.
Tamén se tratou o proxecto piloto de arraigamento para a formación dirixido a persoas migrantes en situación irregular e impulsado polo Goberno autonómico da man de entidades como Cáritas Federadas en Galicia, na que está integrada Cáritas de Santiago. Esta iniciativa pioneira persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral.
Nese senso, na xuntanza púxose de relevo que a iniciativa xa se ten traducido en diversas formacións concluídas con éxito, lográndose a incorporación efectiva dos participantes a empresas de eidos como os da atención sociosanitaria, forestal, da beleza, da hostalaría, da mecánica, da construción e da limpeza para dar resposta a parte das 12.000 vacantes laborais existentes.
Apoio á economía social
Para seguir dándolle pulo á economía social, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta neste 2024 cun orzamento de 43,6 millóns, un 3% máis que no último exercicio.
No que vai de ano xa se teñen convocado máis de 36 millóns en axudas para apoiar a creación e consolidación de negocios ao abeiro deste ecosistema económico e para impulsar o emprego inclusivo, incluídos 1,5 millóns de euros para empresas de inserción.